O domingo, 26 de maio, celebrouse o Xubileu dos nenos e mozos, que coincidiu coa celebración das Fillas de María.
Ao redor das 11:40 h o Reitor saía do Santuario para recibir aos peregrinos que chegaban de realizar o Camiño dos pastorciños acompañado dos nenos que máis tarde recitarían os poemas á Inmaculada, tras prepararse para este día durante un mes.
Na Carballeira do Santuario, agardaba tamén o grupo de gaitas “Os Trasnos de Doade”, que amenizaron a Procesión ata a Porta Santa, unha vez recibida a bendición dos peregrinos.
Sobre as 12 h comezaba a Eucaristía coa participación dos nenos. Ao finalizar a Santa Misa 14 nenos, desde os 4 ata os 11 anos, recitaron os poemas de memoria, entregando cada un, unha flor á Virxe. A continuación tivo lugar a Procesión coa Inmaculada rodeada polos nenos botando pétalos, ao mesmo tempo que desde os balcóns do Santuario, os voluntarios fixeron que fose aínda máis espectacular a Procesión coa choiva de pétalos que crearon.
Ao terminar impartiuse a bendición a todos os presentes. E o reitor, José Criado, obsequiou a cada neno cun detalle. Pola súa parte, o Coro do Santuario agardou ata o final para entoarlle feliz aniversario a un neno que nese día cumpría oito anos.
Unha vez acabada no interior a celebración, o grupo de gaitas novamente tocaba no exterior.