O Curso de formación en matrimonio e familia vai ser en primeiro lugar un momento de formación sobre o matrimonio, sobre a familia e o matrimonio desde unha filosofía personalista, integral e desde a fe. Vai ser tamén un lugar de encontro entre persoas que aportarán experiencias, modos de facer para anovar a pastoral familiar. Esta experimentará un pulo na súa renovación.
Vai orientado a quen están implicados na pastoral familiar, a pais, familias, sacerdotes, cristiáns que queiran unha maior formación neste sentido, seminaristas, psicólogos, profesores. Esta ultima é a miña condición e desde ela podo ver como moitas veces os problemas dos fillos son os problemas dos pais.
O método do Curso consistirá en conferencias e posterior diálogo, e tamén momentos de experiencia, de intercambio de material, de formación, moi variado.
Entre os contidos, estarán a antropoloxía, a educación en virtudes, educación para a pastoral familiar, como afrontar desde a psicoloxía e desde a Igrexa as situacións novas, por exemplo desde a misericordia; educación afectivo-sexual. Vai ser un panorama moi rico e moi estimulante para os asistentes.
A pastoral familiar é o eixo central de calquera outra pastoral, a que vertebra as demais pastorais. Non debemos limitarnos a unha pastoral sacramental -preparar os nenos para a primeira comuñón, para a confirmación os que quedan, para o matrimonio- senón que faremos un acompañamento, un catecumenado continuo. E para iso o lugar onde hai que ir é a familia.
Xuntando persoas vinculadas a este ámbito, desde unha preparación profesional e desde unha fe viva, é unha fonte de alegría. Este encontro, ademais de formativo vai ser unha fonte de entusiasmo. Isto paga a pena e estou seguro de que o viviremos no Curso. É o momento de dar un paso adiante e retomar o que era a esencia da primeira evanxelización. Onde foi a primeira evanxelización? Nas casas, nas familias. Se non o facemos, e aínda que soe rimbombante, a historia da Igrexa e a historia universal nos reclamará por unha omisión gravísima.
Xosé Manuel Domínguez, filósofo