O venres 24 de marzo no salón de actos do Seminario comezaron as xornadas Experiencia de Deus a través da arte: música e cinema.
O director de orquestra e compositor de música sacra Ignacio Yepes tratou a cuestión da escoita de Deus e comezou procurando afastar a idea de que a música é para unha elite, ou que se necesita ser un entendido para apreciala. En realidade “a música é para todos e ninguén ten a franquicia de decidir o que hai que sentir, entender, oír, senón que cada un é dono do seu propio sentimento, da súa propia sensación ao escoitar algo”.
Tamén tratou sobre como establecer o diálogo con Deus a través da escoita: que mensaxe podes recibir ou como un pode expresarse, “nos dous sentidos, porque é como o estéreo da relación do home con Deus”.
Na súa intervención Ignacio Yepes foi poñendo exemplos musicais para mostrar o que se pode ver neles: o perdón, a alegría, o amor de Deus, a morte, a resurrección, o ecumenismo.
Ás 20 h a Capela do Seminario acolle o concerto didáctico “Stabat mater de Joseph Haydn” a cargo da orquestra Terra Nova.
Estas xornadas conclúen o sábado 25 de marzo pola mañá con José Mª González Ochoa, da Fundación SM, que desenvolve o tema da presenza de Deus no cine actual.