O sábado 23 de setembro levouse a cabo unha actividade programada polo Museo de Pontevedra con motivo do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos a modo de ‘xeira’ pola comarca do Trasdeza, nesta ocasión centrada no mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. A xornada incluíu a visita, unha camiñada arredor do mosteiro e unha conferencia a cargo de D. Francisco Prado-Vilar, investigador distinguido da Universidade de Santiago de Compostela e do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Culturais Atlánticas), centrada na historia recente da igrexa do Mosteiro, e tamén mostrando imaxes inéditas do seu estado e evolución durante o século XX.
De gran interese é a investigación que Prado Vilar está a levar sobre o roubo e desaparición dos relevos do tímpano occidental da igrexa do Mosteiro, propiedade da Diocese de Lugo dende a desamortización do século XIX, e que figuran nos fondos do Museo Marés de Barcelona. Os documentos de arquivo e a información que manexa Prado Vilar demostran o roubo no 1957 e a súa inmediata denuncia, feitos que, a criterio do investigador, ilexitiman calquera transacción posterior. Postura que comparte o Concello de Silleda, propietario das antigas dependencias monacais e a Diocese de Lugo, propietaria da igrexa do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro.
A xornada rematou gozando do día solleiro polas sendas arredor do Mosteiro.