O domingo 27 de setembro celébrase a Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado co lema «Como Xesucristo, obrigados a fuxir», coa mirada posta nos chamados desprazados internos. Dentro desta denominación inclúese aos millóns de homes, mulleres e nenos obrigados a migrar dentro dos seus propios países por diversas causas: emerxencias humanitarias, conflitos armados, perturbacións do clima, violencia xeneralizada, etc.
Non se trata de mirar unicamente cara a países con circunstancias sociais extremadamente fráxiles, tamén no noso propio territorio hai persoas inmigrantes que en certo sentido vense «obrigadas a fuxir». Fuxir do sometemento e a violencia, como as vítimas de trata con fins de explotación sexual; fuxir da precariedade laboral, como o colectivo de empregadas do fogar ou os temporeiros agrícolas; fuxir da intemperie, do esquecemento, como os menores migrantes ou os solicitantes de asilo. En definitiva, Xesús está presente en cada un deles, obrigados a fuxir para salvarse, para recuperar a dignidade que lles foi arrebatada.
[Materiais] [Vídeo do Papa Francisco e testemuños]