O lema deste ano é «Emigrantes menores de idade, vulnerables e sen voz»
O Papa Francisco chama a atención sobre a realidade dos emigrantes menores de idade, “especialmente os que están sós, instando a todos a facerse cargo dos nenos, que se atopan desprotexidos por tres motivos: porque son menores, estranxeiros e indefensos”. O Papa tamén menciona 3 aspectos necesarios para atallar o problema:
1. Cooperación eficaz e eficiente, baseada no intercambio de información e na intensificación de redes de acción. A gran forza das comunidades eclesiais revélase sobre todo cando hai unidade de oración e comuñón na fraternidade.
2. Integración de nenos e mozos emigrantes. Responderase ás necesidades dos menores, cando están sós, pero tamén ás dos seus pais, polo ben de todo o núcleo familiar. Os países de orixe e os de acollida cooperarán para eliminar as causas da emigración forzada dos nenos.
3. Abordar nos países de orixe as causas da emigración, acabando cos conflitos e a violencia e garantindo a todos o acceso a un desenvolvemento auténtico que promova o ben dos nenos, esperanza da humanidade.
Dende hai máis de 20 anos Cáritas Lugo leva adiante “Contade connosco”, espazo de acollida á poboación inmigrante e emigrantes retornados. Un traballador social, un avogado e 4 voluntarios acollen a case 200 persoas/ano. Ofrecen orientación social e cívica básica para o seu establecemento, asesoría xurídica… Actualmente trabállanse tamén accións encamiñadas ao achegamento das persoas inmigrantes á sociedade de acollida con cursos de cociña intercultural.