Con motivo da celebración da festa de San Cristovo, patrono dos condutores, e o inicio das masivas vacacións do verán, a Comisión Episcopal de Migracións da Conferencia Episcopal Española, desde o Departamento de Pastoral da Estrada, saúda a todas as xentes relacionadas coa mobilidade humana: camioneiros, transportistas, taxistas, condutores de autobuses, de autocares, de ambulancias, bombeiros, Garda Civil e Policía de tráfico, confrarías de san Cristovo, asociacións de transportistas… Diríxense tamén ás persoas que cada día pasan boa parte do tempo ao voante por razóns de traballo, necesidade ou por ir de vacacións. Así mesmo aos motoristas, ciclistas e peóns que usan as vías públicas. A todos desexan a paz, a alegría e a bendición do Señor.
O 1 de xullo tamén se celebra a Xornada de responsabilidade no tráfico que neste ano ten como lema «E sabede que eu estou convosco todos os días», palabras de Xesús no Evanxeo de san Mateo (28, 21).
Ademais, o Departamento de Pastoral da Estrada está en plena celebración gozosa dos 50 anos de existencia, ou, o que é igual, medio século en camiño cos condutores e peóns como “Igrexa en saída”, que diría o papa Francisco, achegando o seu gran de area, para que a mobilidade polas estradas e rúas sexa un pouco máis segura.
Por este motivo, organízase unha peregrinación a Roma do 16 ao 20 de setembro de 2018 para todos os condutores que así o desexen. O punto central da peregrinación será o encontro co papa Francisco, escoitar a súa palabra e recibir a súa bendición.