O sábado 29 de abril, de 11:30h a 13:30h, o Seminario Menor Diocesano celebra a II Xornada de Portas Abertas deste curso. Está dirixida ás familias e aos rapaces interesados no coñecemento do Seminario Menor, así como a calquera outra persoa desexosa de achegarse a esta realidade diocesana. Será un momento para dar a coñecer a proposta educativa, as instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria, alguhas das actividades e proxectos que se realizan ao longo do curso…
A Xornada comezará cun saúdo e presentación na Aula Magna (acceso dende o vestíbulo principal) e logo unha visita ás instalacións do Seminario Menor, con algunhas paradas en sitios puntuais para a explicación dalgunhas das actividades e dos ritmos de funcionamento do Centro. A asistencia é libre, e non é necesario confirmala previamente.
Con esta II Xornada de Porrtas Abertas -despois da I convocada para febreiro- o Seminario quere achegarse ás familias que están nesta época pensando no Centro de ensino para os seus fillos no próximo curso ou máis adiante no tempo, permitindo un coñecemento de primeira man do lugar e do proxecto educativo.
A reserva de praza no Seminario Menor está xa aberta, sendo posible informarse ou cumplimentar o impreso de reserva na Recepción do Seminario Diocesano (Av. Anxo López Pérez, s/n) de luns a venres de 08:30 a 14:00 h. e de 15:30 a 20:30 h.