O xoves 14 de maio os crentes de todas as relixións están convidados a unirse espiritualmente nunha xornada de oración e xaxún, a fin de implorar a Deus que axude á humanidade a superar o coronavirus. É unha proposta do Alto Comité para a Fraternidade Humana, que o Papa Francisco acolleu.
É evidente a importancia do papel da medicina e a investigación no tratamento desta pandemia, pero tamén se convida a recorrer a Deus a través da oración, a súplica e as boas obras, cada individuo no seu lugar e de acordo coa súa relixión, crenza ou doutrina, para que Deus elimine esta pandemia, axude a saír desta aflición, inspire aos científicos a descubrir un medicamento que acabe con ela, salve ao mundo das consecuencias sanitarias, económicas e humanas debido á propagación desta crise sanitaria.