O sábado 28 de xaneiro de 10 h a 13 h a Delegación para a Educación na Fe organizou unha xornada de formación sobre o Directorio para a Catequese.
O Delegado episcopal para a educación na fe, Alberte Leiva, saudou aos presentes, “sempre dispostos a colaborar na misión de contaxiar no medio das familias, parroquias e colexios o bo ambiente do Evanxeo de Xesús. Coñecer e actualizarse en pedagoxía, estar ao tanto do que nos di a Igrexa será como unha vara na que apoiarnos para levar adiante e con éxito a encomenda que o Señor Xesús pon nas nosas mans”
E o delegado de Catequese de Santiago, Miguel López Varela, presentou o Directorio para a catequese. Comezou sinalando que “se non facemos catequese, a Igrexa deixa de ser Igrexa… A catequese está en diálogo co que está a acontecer no mundo”.
Desde o Vaticano II houbo 3 actualizacións do Misal Romano; a Eucaristía é importante, polo que cómpre actualizarse. Como a Igrexa tamén considera que a catequese é importante, preocupouse de ir actualizándose e foi elaborando sucesivamente tres directorios. O actual tamén tivo 3 etapas no seu proceso de redacción e o texto final estrutúrase en 3 partes. As claves de lectura son máis: cristocéntrica e eclesiolóxica, pneumatolóxica, misioneira e kerigmática, teleolóxica, catecumenal, comunitaria, dialóxica, cultural e da inculturación.