A vida cristiá é como unha peregrinación cara á Casa do Pai.
Oxalá fósemos sempre dereitos cara á Casa do Pai, que non é un edificio, senón un corazón!
Oxalá non nos desviamos nunca do bo camiño!
Oxalá nunca désemos as costas a Deus!
Pero a realidade é que, por culpa ou debilidade nosa, afastámonos do do noso Pai Deus. Os profetas din que estabamos unidos a El, con lazos de amor, pero traizoámolo; rompemos eses lazos para botarnos en brazos de deuses estraños.
Xesucristo dinos que un fillo aloucado, un mal día, deu unha portada á casa do pai, para vivir a súa vida. O triste acontecemento repetímolo cada un de nós. Agora, feridos polo remorso do noso mal comportamento, pretendemos volver á Casa do Pai; volver caer nos seus brazos, para que nos ate de tal maneira que xa non podamos separarnos del.
O profeta Oseas personifica ao pobo de Israel na imaxe dunha esposa infiel (Os. 2,4-10), e dinos que ante tanta infidelidade, Deus querería repudiala e esquecela, pero o seu corazón non llo permitiu. Fixo todo o contrario: pechoulle os camiños da fuxida, para que non puidese afastarse e recuperase a súa fidelidade primeira. É o caso do fillo pródigo, que se afastou da casa do pai, en busca dunha vida máis libre, e agora, sen pan e decepcionado dos seus antigos amigos, volve cara ao seu antigo fogar, temendo atopar as portas pechadas e a un pai enfurecido. Desafortunadamente equivocouse na despedida e afortunadamente tamén vén equivocado no regreso: o pai que con bágoas viuno marchar, agora ofrécelle unhas portas expeditas e un corazón aberto para recibilo, e un banquete preparado para festexar o regreso do fillo que marchara.
Estas foron as mellores cordas para atar a aquel fillo que xamais volverá sentir a tentación de afastarse do seu bo pai.
Pois a historia repetiuse. Todos fomos fillos pródigos. Todos traizoamos o amor de Deus. Todos abandonamos algunha vez a casa paterna, correndo por camiños aloucados. Pero Deus pídenos que volvamos a El. Deus non cansa de chamarnos, nin cansa de esperar. Soña en recibirnos con festa, con alegría, con agradecemento, porque non pode vivir sen nós.
Sintonicemos cos seus sentimentos e poñámonos en camiño. Digámoslle que, a pesar do que pasou, queremos que nos reciba e perdoe; que encha o noso corazón baleiro; que nos revista co traxe de festa e, finalmente, que nos ate cos lazos do amor, para que nunca máis nos afastemos del.
Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral