Vivo pola noite, durmo polo día…

Últimamente o único que vexo en televisión son programas de entretemento do estilo de “Así se fai” ou “Xoias sobre rodas” ou de humor. Fai tempo que renunciei a poñerme de mal humor vendo outro tipo de cousas. Das noticias infórmome por medio dalgúns xornais dixitais e das redes sociais.

Nas vacacións tiven ocasión de ver na tele cosas distintas ás habituais, como comentei antes. Tras uns días, decateime de que sempre se repetían os mesmos anuncios publicitarios, que as noticias eran todos os días do mesmo estilo, e que en todo iso había algo que non cadraba. Intento explicalo a continuación.

Entendo que o mundo publicitario ofrécenos aquilo que máis necesitamos as persoas e o que é importante para a vida de todo o mundo. Pero, se analizamos as noticias vemos que nada teñen que ver coa publicidade que recibimos cada minuto.

Entre os anuncios que máis se repiten destacan: 

  • Produtos de limpeza, hixiene persoal e saúde.
  • Páxinas de contactos, anticonceptivos e produtos para practicar sexo con máis pracer (por certo, estes anuncios, a calquera hora).
  • Préstamos persoais rápidos, seguros e comparación dos mesmos.
  • Páxinas de reservas de hoteis que inclúen comparación de prezos.
  • Compañías de teléfono e internet.

E entre as noticias, temos as seguintes:

  • Roubos
  • Corrupción nos responsables da Administración e os xa tradicionais insultos entre políticos.
  • Conflitos internacionais.
  • Violencia de xénero, violacións e intentos de violación entre mozos moi novos, e denuncias falsas por este mesmo tema.
  • En Galicia: todos os días un informativo de media hora dedicado só a problemas veciñais que van desde os máis comúns e típicos aos máis inverosímiles.


Vendo este panorama está claro que non hai correspondencia entre o que desexamos e necesitamos coa vida real do mundo. Ou ben pensamos unha cousa e facemos outra, ou ben o que se nos ofrece nos anuncios non é o que máis necesita o mundo neste momento; ou ben estamos facendo as cousas ao revés: “vivo pola noite, durmo polo día”, como dicía unha canción que soou por Galicia fai algún tempo. 

Por certo, entre todos os anuncios, só un fala de educar en valores. É o dun colexio e, para iso, dá a impresión de ser elitista: cabalos e ata clínica dental incorporada. 

Ahhh… case o esquece. Tampouco vin ningún anuncio sobre Deus e a Boa Nova que nos trouxo o seu Fillo Xesucristo. Quizais é o que máis lle falta ao mundo: amar como Deus ama!

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: