O centro Europeo de Peregrinacións “Xoán Paulo II”, no Monte do Gozo, será o marco para o VIII Encontro do Voluntariado Galego de Cáritas. O día 30 de maio representantes das cinco dioceses compartirán experiencias e testemuños, coñecendo distintas realidades do voluntariado en Cáritas.
O secretario xeral de Cáritas Española, Sebastián Mora, pronunciará a conferencia central, titulada “Presenza de Cáritas: Acción, sentido e espiritualidade”.
Ao final da mañá hai unha Eucaristía, presidida polo delegado episcopal de Cáritas Santiago, Jesús García Vázquez, e concelebrada polos delegados episcopais e consiliarios da institución.
Trala comida de confraternidade, os asistentes verán distintas exposicións na Cidade da Cultura, centrándose en “Camiño, a orixe”.
Os voluntarios de Cáritas son unha parte importante con que a institución se fai presente xunto ás persoas que viven a inxustiza da pobreza. No encontro insistirase en que o voluntariado é comprometido, activo, capaz de dar respostas, coherente coa misión que se lle encomenda, que vive os valores da solidariedade, a gratuidade, a igualdade. A denuncia das inxustizas sociais ocupa un lugar prioritario, así como a sensibilización e formación da sociedade.