A Parroquia da Milagrosa organiza unha viaxe-peregrinación por Terra Santa.
Non é imprescindible para a fe visitar Terra Santa. Para a fe é imprescindible ter a experiencia de atoparse con Cristo resucitado, e isto prodúcese en calquera lugar do mundo, porque é unha experiencia que transcende os límites xeográficos…
Esta viaxe, na que teño posta moita esperanza, é unha oportunidade de poñer unha imaxe aos lugares dos que fala o Evanxeo. Seguro que a miña forma de vivir a fe, de ler a Biblia e de facer oración será distinta.
O grupo formámolo 45 persoas, das que nove somos sacerdotes. Case todos nos coñecemos das parroquias de Lugo e estamos en familia. A experiencia dos primeiros días está resultando moi boa: todo sorprendente e todo novidade, fóra diso unha nevada que fixo cambiar algunhas cousas. Polo demais, sen sensación de perigo e con tranquilidade nese sentido.
Xa visitamos Cesarea, o monte Carmelo, o Lago de Galilea, o monte das Benaventuranzas e da multiplicación dos pans, Cafarnaún, Caná, Nazaret, o monte Tabor, o Lugar do Bautismo de Xesús no Xordán, o monte Nebo, Xericó, Betania, Xerusalén. Na parte simplemente turística da viaxe visitamos Xerasa, Petra, o mar Morto, Masada e penetramos no deserto, con paseo en camelo incluído.
En Caná os matrimonios renovaron os compromisos matrimoniais. No Xordán todos renovamos as promesas bautismais. Ademais, todos os días celebramos a Misa nalgún lugar significativo e lemos as pasaxes bíblicas que mencionan o acontecido nos lugares que visitamos.
Miguel Ángel Álvarez