Na parroquia de Santiago “A Nova” da cidade de Lugo o 26 de abril venerouse unha imaxe da Anunciación a María traído da cidade siria de Homs, onde foi profanada por xihadistas. E o responsable de “Axuda á Igrexa Necesitada” na rexión noroeste, Carlos Tortosa Saavedra, pronunciou a conferencia Cristiáns perseguidos hoxe.
Carlos Tortosa lembrou que no mundo hai 62 países, cuxos habitantes -5.200 millóns de persoas-, non poden vivir libremente a súa relixión. Neses países viven 640 millóns de cristiáns. Un de cada catro cristiáns que hai no mundo poden sufrir actos de discriminación ou persecución: “Non son só cousas puntuais, unha bomba, un atentado, un secuestro, un asasinato, senón que tamén é unha situación permanente na que viven moitísimos cristiáns”.
Boa parte da intervención de Carlos Tortosa dedicouse a mostrar os tres tipos de atacantes da liberdade relixiosa: gobernos autoritarios, como China; nacionalismos étnico-relixiosos (India) e extremismo islamista, como o de Siria e Iraq. Sobre os cristiáns destes lugares indicou Carlos Tortosa que “son a nosa esperanza, porque teñen un tipo de fe incrible e nós somos a súa esperanza tamén, por axudalos a sobrevivir e vivir a súa fe”.