A sociedade experimentou nos últimos anos grandes transformacións, e especialmente no ámbito do ensino, como mostran por exemplo os constantes cambios lexislativos, ata a recente aprobación da LOMLOE. Todos perciben a urxencia dunha aposta educativa renovada.
O Papa Francisco, moi consciente dos desafíos que se presentan á educación nestes momentos, pediu expresamente a adhesión a un Pacto Educativo Global, a comprometerse “con valentía para dar vida, nos nosos países de orixe, a un proxecto educativo, investindo as nosas mellores enerxías e iniciando procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil”. Esta era xa a tradición da que proveñen os Seminarios en Galicia, tamén en Santiago e Lugo, e considérase unha responsabilidade continuala hoxe en forma renovada e actual. A súa identidade católica e a súa traxectoria educativa é unha riqueza singular que se ofrece nestas circunstancias á sociedade.
Por este motivo, a partir do vindeiro curso os Seminarios Menores de Santiago e Lugo abriranse como Colexios Diocesanos, de carácter privado, a todos os alumnos e alumnas que, aceptando o ideario dos Centros, queiran realizar neles a formación de ESO e BAC.
Como parte da Igrexa en Galicia, presente de moitas maneiras no ensino ao longo dos anos, ponse a disposición das familias un novo espazo educativo, que será moi conveniente e unha verdadeira riqueza tamén para os Seminarios Menores.
Nos próximos días comunicaranse os detalles desta nova aposta educativa.