“Toma esta pastilla que te fará sentir como nunca antes te sentiras e poderás volver ao teu ambiente laboral “non agradable” máis animada”. Esta frase que é posible escoitar nunha consulta médica é máis habitual do que pensamos e forma parte do imaxinario social e da vida cotiá de moitas persoas. Se ti es unha delas que antes de saír da casa toma a súa ración diaria de psicofármacos, calmantes ou antiinflamatorios, sen os cales non poderías desenvolver as túas “obrigas” laborais, tal vez entendas mellor que ninguén o título deste artigo.
A realidade do sistema laboral e do sistema sanitario únese nesta frase para facernos tomar nota de que non é tan natural como aparentemente cremos que teñamos que solucionar os nosos problemas de saúde por un lado e os nosos problemas laborais por outro cando constatamos que existen ambientes laborais “non agradables”, “tóxicos”, “nocivos” e ata “mortais” que xeran constantemente e a diario sufremento ás persoas. Ambos sistemas comparten un cancro cada vez máis estendido e invisible cal é o da deshumanización e a indiferencia ante o sufrimento humano: o propio (que tantas veces nos ocultamos para “tirar p´alante”) o dos demais e o que nos infrinximos uns aos outros consciente ou inconscientemente.
Coincidindo co Día Mundial da Seguridade e a Saúde no traballo (28 de abril) e o Día do Traballo (1 de maio) a Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente fai visible esta realidade sufrinte recordando que no ano 2022 se produciron en España 826 accidentes laborais mortais e en Galicia 73, o que fai que sexa a terceira comunidade autónoma co maior índice de mortalidade no traballo. Nos datos oficiais non se recolle o que lle sucede a quen se atopa na economía somerxida, traballa sen contrato, nin a quen non se lle diagnosticou unha enfermidade laboral porque non se especifica a súa orixe, ou as súas patoloxías non son recoñecidas como tales ou os profesionais descoñecen os procedementos para cualificala como laboral.
Esta situación é máis grave do que nos din as estatísticas e palpámola a diario nos nosos corpos, nas nosas familias, nos nosos centros de traballo e nos nosos centros de saúde.
As causas desta situación, coñecémolas, están nun sistema socioeconómico posuído pola lóxica economicista que separa o traballo da persoa e que constrúe precariedade e inseguridade dende o abuso de poder.
As secuelas non son só persoais e familiares, senón tamén sociais, pois inciden na convivencia e nas relacións, converténdose así nun problema político que require unha resposta tamén política, que non partidista necesariamente.
Velar pola saúde e a seguridade no traballo non é cousa só da inspección de traballo (que tamén), ou dos tribunais cando o último recurso é xudicializar os incumprimentos. Empregadores/as, traballadores/as, técnicos/as de prevención, sindicalistas, persoal sanitario, educativo, administracións públicas e todos os sectores de produción estamos chamados/as a reverter esta situación de inxustiza co noso compromiso persoal e comunitario desde a cultura do coidado. Vainos a vida niso!
Begoña Sánchez Roura
Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente