Un pai e un profesor escriben senllas cartas ao xornal El Progreso sobre o labor do profesorado de relixión. O pai -Arsenio Rodríguez- amósase satisfeito con ese labor, por inculcar aos fillos “o sentido da responsabilidade, a satisfacción do traballo ben feito, a admiración pola arte, a música, a literatura.., pero, sobre todo, a empatía e a tolerancia (tan escasas na nosa sociedade). Todo isto mentres os alumnos matriculados en alternativa, actividades de estudo ou como queira que se chame, gozaban da aula de informática, do patio ou do bar sen que os profesores apenas poidan facer nada”.
Cando se atopa a alguén ou algo que achegue un pouco de sentido á vida, que contribúa á educación integral dos fillos, o que se debe facer é aproveitar a oportunidade. E mostrarse agradecido a todos os profesores, en especial aos de relixión.
Pola súa parte, Jorge López, expón na carta a El Progreso que grazas á materia de relixión que el imparte, enténdese mellor a realidade, en canto que somos herdeiros dunha cultura impregnada de cristianismo. A materia tamén serve para que o alumnado “saiba entender o que di o Papa, para que non diga inexactitudes ou apoie as súas crenzas en presupostos irracionais… pois a fe pode e debe ser razoada”.
O profesor de relixión, como o doutra materia, gasta a súa vida e ilusión nunha fermosa tarefa: formar o mellor posible as vindeiras xeracións. E Jorge López enumera o que achega ao alumnado: tenta escoitar, estimular os seus sentidos critico e creativo, alentar. Fálalle de libros, de valores, de que un mundo mellor é posible, de ideais, de sentido da vida. Dálle ferramentas para entender mellor a música, a arte, a literatura, a historia, a filosofía, as outras relixións. Bota unha man para que os plans do centro educativo saian adiante… substitúe a un profesor enfermo, axuda na biblioteca, pode ser elixido para o consello escolar, colabora e programa actividades extraescolares e complementarias.