Está a distribuírse a Programación Pastoral do curso 2020-2021, nesta ocasión baixo o lema Sempre xuntos nunha Igrexa viva. O señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco realiza unha reflexión inicial:
Un novo curso nun tempo único
Iniciamos un novo curso pastoral nunhas circunstancias condicionadas aínda profun-damente pola epidemia do coronavirus. Estará inevitablemente marcado pola expe-riencia sorprendente de ver deterse toda a nosa vida e as súas rutinas, pola memoria do que sufriu moita da nosa xente, pola forma en que puidemos vivir como Igrexa durante o confinamento, e polos límites e cautelas da “normalidade” á que tivemos que afacernos.
Estamos aínda moi determinados pola pandemia. Para dar forma boa e adecuada á nosa vida como comunidade cristiá no próximo curso, haberemos de ter en conta o vivido, pero tamén as previsibles dificultades da nova situación, non só as que se derivan da crise sanitaria, senón tamén da anunciada crise social e laboral.
No inicio do confinamento todos secundamos, como primeiro e elemental xesto, a apelación para coidar da vida dos demais respectando as normas sanitarias. Era algo xusto e que se correspondía coa nosa responsabilidade como Igrexa: un verdadeiro xesto pastoral e unha esixencia elemental da caridade. E así todos nos recluímos nas nosas casas, suspendeuse a celebración do culto público e dispensouse da asistencia á Misa dominical; puido dar incluso a sensación de que, a modo dun organismo estatal máis, tamén a Igrexa se poñía “en pausa”. As consecuencias deste inevitable freo á nosa habitual actividade aínda as estamos experimentando: aínda non se rompeu o “xeo”, reforzado ben sexa polo medo aos contaxios, ben sexa pola necesaria prudencia de moitos dos fieis das nosas comunidades, que forman parte por idade ou situación médica dos grupos de especial risco. E tampouco a vida pastoral ordinaria puido aínda volver aos seus ritmos normais.
Estamos, sen dúbida, ante un tempo singular e único na historia recente do noso mundo e da Igrexa. Neste curso, estamos chamados a facer deste tempo singular un tempo novo. Non porque podamos cambiar as circunstancias á nosa vontade –vimos con claridade a nosa limitación–, senón aprendendo do que sucedeu nestes meses difíciles. E quixera lembrar, en particular, un feito moi positivo.
En efecto, durante a obrigada pausa das nosas actividades públicas ordinarias, e aínda que estabamos recluídos nun confinamento que dificultaba o encontro e a relación, vimos manifestarse con forza a vida cristiá dos fieis, unha mobilización de cristiáns de todas partes, novos e maiores. E isto, dalgunha maneira, sorprendeunos; cando, con todo, esta vitalidade foi sempre a razón de ser e o froito propio de toda a nosa tarefa pastoral, formativa, litúrxica e caritativa.
A celebración dos sacramentos cesara, as Misas dominicais e mesmo os funerais; estaban suspendidas as festas parroquiais e as reunións formativas; as actividades pastorais detivéronse. Pero a nosa comuñón eclesial atopou camiños para manter acendida a fraternidade, para posibilitar o encontro e a compañía, para axudarnos uns a outros nas necesidades e, en primeiro lugar, a conservar a fe e coidar a común pertenza ao Señor. E alegrámonos de poder recoller así, cando máis o necesitabamos, o froito de tanto camiño eclesial feito xuntos nas nosas parroquias, dun traballo pastoral do que ás veces nos custa recoñecer a fecundidade.
Mons. Alfonso Carrasco Rouco