Comezo con estas palabras pronunciadas polo Papa Francisco na súa recente audiencia con enfermos e persoas con diversidade funcional. Interactuando con eles, fai un canto á diversidade. Invita aos curas a abrir as portas das súas igrexas “a todos”. Puntualiza dous aspectos: o primeiro é que os edificios sexan accesibles, libres de barreiras arquitectónicas. Abundan proxectos parados por problemas burocráticos. O segundo, sería non xulgar en función das capacidades. Xesús non o fixo. A resposta á pregunta formulada por unha persoa con síndrome de Down é: “Se o cura non acolle a algúns, porque di que non son capaces de entender, hai que dicirlle es ti el que non entendes e tes que converterte”.
A nosa sociedade non é excesivamente sensible co marxinado. Unha linguaxe pexorativa acompaña a estes colectivos e ponos en situación de desvantaxa. A Igrexa tampouco se libra e é doado escoitar que nos discrimina de xeito solapado e compasivo. Fálase máis de eliminar barreiras arquitectónicas, pero tamén existen as barreiras sociais e as da linguaxe. As palabras non solucionan os problemas, pero poden integrar ou marxinar. Axudan a crear opinión e a eliminar prexuízos e conceptos equivocados. Necesítase a colaboración de todos para desterrar connotacións negativas.
Ás propostas do Papa engadiría a necesidade de coidar o vocabulario. Escóitase con demasiada frecuencia nalgún medio de comunicación o termo “impedidos” quizais cun afán “sensibleiro”. Pregúntome: impedidos para que? onde está o baremo? Seguen sendo inaxeitadas expresións como “sofre, padece, está prostrado” referidas a calquera limitación. Ao longo do tempo fomos -aínda o somos- vítimas da mal entendida caridade cristiá. Debiamos ter resignación porque tiñamos o ceo gañado.
“Discapacidade” é un concepto ambiguo. Depende de criterios culturais condicionados polos propios prexuízos ou inseguridades. Defendemos o termo “persoa con diversidade funcional”, indica algo tan simple como realizar algunha función de xeito diferente. Non é un mero cambio de terminoloxía, senón o resultado dunha profunda reflexión sobre a nosa propia identidade. En definitiva, o que nos define é o feito de ser persoa e a discapacidade é un engadido. O esencial do ser humano non depende das capacidades ou discapacidades. Temos carencias no contexto da nosa personalidade tanto a nivel físico como psíquico. A realidade é que todos somos capaces e limitados. Alguén o dubida? Non incapacita o déficit da persoa senón a ausencia de respostas. Son os factores sociais e ambientais os que provocan problemas de autoestima.
Somos vulnerables á discapacidade, sexa temporal ou permanente; sobre todo, a medida que nos facemos maiores. Por comparación somos “menos-válidos” e posiblemente atopemos dificultades. A modo de exemplo, pódese necesitar unha cadeira de rodas en calquera momento e por diferentes motivos. (Calcúlase unha media de 4 á semana). Temos dereito a vivir en igualdade aínda sendo diferentes, pero seguimos con luces e sombras. Son gratificantes os avances que se ven en celebracións acompañadas dun intérprete de lingua de signos e tamén se abriron simbólicas “portas santas” con motivo do Ano da Misericordia. Son accesibles? Pódolles asegurar que vin escaleiras cubertas con alfombras. Sen comentarios.
Termino con palabras doutro Papa. San Xoán Paulo II dicía que “a calidade dunha sociedade e dunha civilización mídese polo respecto que manifesta cara aos máis débiles dos seus membros”. Tamén que “o grao de saúde física ou mental non engade nin quita nada á dignidade da persoa”. Quizais el, a quen tiven a sorte de coñecer no encontro cos mozos discapacitados na IV Xornada Mundial da Mocidade (Santiago, 1989), entendíanos mellor porque falaba desde a súa vivencia. A comprensión é o mellor aliado.
Marisol Bravos