Distintas institucións públicas lucenses quixeron estar no punto de saída dunha das primeiras peregrinacións organizadas en grupo desde Lugo a Santiago trala declaración do Camiño Primitivo como patrimonio mundial. Despois de saír da Porta de San Pedro, a primeira parada da alcaldesa da cidade, Lara Méndez, a delegada da Xunta, Raquel Arias, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, o presidente da Deputación, Darío Campos, entre outras autoridades, foi ante a Porta da Misericordia, onde foron recibidos polo deán da Catedral, Mario Vázquez. Dentro do templo, rezouse ante a Virxe dos Ollos Grandes e impartiuse a bendición do peregrino.
En realidade, cada unha das autoridades civís realiza as etapas que mellor lle encaixan coas súas ocupacións, compatibilizando as súas axendas coa peregrinación. A primeira desas etapas é a do día 17 de marzo. Outros peregrinos si completarán os 102 quilómetros para chegar a Santiago o domingo 20.