Nun acto organizado o 22 de outubro por Lugo Patrimonio, o director Director Técnico – conservador do Museo Catedral de Santiago de Compostela, Ramón Yzquierdo Peiró, falou da exposición da que é un dos comisarios, “Hospitalitas. A graza dun encontro” con sede na Catedral compostelá e en San Martiño Pinario.
Sobre o sentido da exposición, Ramón Yzquierdo falou do relato, que é “un aspecto que sempre ten especial importancia nas mostras de Las edades del hombre, e que na miña opinión debe ter sempre todo proxecto expositivo. É dicir, non caer na tentación de facer grandes montaxes, unha colección de cromos, pezas relevantes, sen mais, senón que precisamente grazas a estas pezas seleccionadas imos desenvolvendo un relato que neste caso nos fala de hospitalidade nos camiños de Santiago”
A exposición, que permanecerá aberta ata o 30 de novembro, ten 170 pezas, das que 30 foron restauradas para a mostra, tanto polo obradoiro da Fundación “Las Edades del Hombre” como pola Fundación Catedral de Santiago.
Sobre a peza cedida pola Diocese de Lugo explicou Ramón Yzquierdo que é “unha imaxe de Santiago realizada no primeiro cuarto do século XV, que deriva, en último termo, da escultura que fixo o mestre Mateo para o parteluz do Pórtico da Gloria”.
Este ano a exposición “Las Edades del Hombre. Hospitalitas” ten, ademais da sede compostelá, outra en Villafranca del Bierzo. A este último lugar o Departamento de Patrimonio histórico artístico organiza unha viaxe o 9 de novembro.