Conta John Waters na revista Huellas (2013) que estaba un domingo en Misa, en Florencia, na abadía de “San Miniato al Monte” e no momento da Consagración, recibiu un golpe nas costas. E relata: “Dei a volta e vin a unha señora que recollía do chan unha cámara de fotos. Nada insólito. Xa nos afixemos aos turistas nas igrexas, cos seus pantalóns curtos, as súas camisetas e os seus inseparables aparellos para facer fotos. Cando era neno, todo isto era impensable. Hoxe é unha experiencia normal”.
Resulta curioso como nos afacemos a certos feitos. Ás veces isto irrítanos pero en xeral carecemos de motivacións suficientes para resistir a estes costumes. Con todo, o turismo relixioso é un feito que está aí. Ao turista, como a calquera ser humano, acollémolo ou rexeitámolo e se queremos acollelo, os nosos monumentos non se poden seguir ofrecendo ao mundo dunha forma desagradable, sen un persoal que reciba ao outro con civismo e profesionalidade, convidando á xente ao silencio, evitando o seu deambular taciturno e desorientado polas igrexas e catedrais, disparando fotos en calquera lugar e hora, sen pedir ao visitante ningún tipo de respecto ou actitude.
O problema é que hoxe chegamos ao cumio do despropósito tolerando actitudes cara ao relixioso que acaban identificándose coa mentalidade dominante. E é que estas maneiras de pensar tratan á fe como un residuo do pasado e dunha antiga inocencia que pertence a unha forma de estar nunha existencia digna de mágoa. Que significa, en consecuencia, o feito de que se permita aos turistas deambular por lugares e monumentos creados pola experiencia cristiá sen implicar máis que un chisco de curiosidade e un mínimo de óbolo?
Permitir isto, dun xeito desorganizado, significaría contribuír a considerar a experiencia relixiosa, e o gran valor da fe no Misterio de Cristo e nos seus sacramentos, como unha peza de museo que se pode examinar, estudar, admirar e conservar como parte da gratificación cultural dunhas vacacións ou dun mal chamado “fin de semana”. É verdade que o feito relixioso supón admiración, pero tamén devoción, fe que se vive, ora e celebra e para iso necesítanse uns xestos mínimos que expresen estas realidades. Pódese camiñar pola Catedral de Lugo co Santísimo permanentemente exposto sen axoenllarse, ou polo menos, facer unha xenuflexión profunda?
Noutras relixións non permiten entrar aos seus templos sen descalzarse ou cubrirse, por exemplo. En calquera caso, acoller ao peregrino e ao turista é non soamente unha obra de misericordia senón tamén un acto de profunda caridade cos irmáns descoñecidos. Son moitas as razóns polas que hoxe é necesario coidar o turismo relixioso. Moitas persoas viviron e viven experiencias profundas de conversión, con confesión incluída, nos nosos templos e catedrais despois dun tempo de silencio e oración ante o Señor. Se veñen á nosa Catedral por algo será. En moitos casos teñen motivacións fondas de fe.
Por outra banda, a Igrexa católica inclúe nas súas Conferencias Episcopais, comisións e departamentos para a Pastoral do Turismo e Migracións. O turismo relixioso é obxecto de atención e reflexión na Igrexa Universal. O Pontificio Consello para a Pastoral dos Emigrantes e Itinerantes publicou a este respecto numerosos documentos. Lugo coa súa muralla romana e a súa Catedral, coas belas paisaxes da Ribeira Sacra a moi poucos quilómetros, entre outros marabillosos lugares, é unha gran cidade, obxecto de atención por parte de peregrinos, turistas e visitantes de todo tipo que buscan nela a espiritualidade, a paz, a natureza e o descanso.
Mario Vázquez Carballo
Deán da Catedral de Lugo