“Tirar” as cinsas?

cinzas

Cando xa tiña terminado este artigo, apareceu a noticia da publicación por parte da Congregación para a Doutrina da Fe da Instrución “Ad resurgendum cum Christo” sobre a sepultura dos defuntos e a conservación das cinsas en caso de cremación, provocando un forte impacto mediático. A polémica está servida, pois a maioría das persoas só leron os titulares dos medios e empezaron a opinar nas redes sociais sen ler o documento, por certo, moi breve.

Un tema que sempre suscita moito interese é o da morte e todo o que a rodea. Desde esta web falei en varias ocasións do sentido cristián da morte e o que aporta Deus a este paso trascendental da vida.

Hoxe quero abordar un aspecto relacionado coa morte que é moi actual: o da incineración e que facer coas cinsas en caso de non seguir a moda de aventalas nun lugar significativo para o defunto ou a súa familia. En moitas ocasións preguntáronme polo que di a Igrexa neste asunto. Parece ser que ao Vaticano tamén chegaron moitas preguntas ao mesmo respecto e por iso agora ofrécennos esta resposta convenientemente argumentada.

Antes de nada, hai que dicir que a Igrexa admite a incineración como alternativa á inhumación, sempre que iso non implique unha forma de negación da resurrección do corpo. (Cfr. Catecismo da Igrexa Católica 2031 e Código de Dereito Canónico 1176, § 3).

Aclarado isto, o problema xorde cando pensamos que facer coas cinsas. A opción lóxica é depositalas no cemiterio, onde esperarán o momento da resurrección. A incineración o único que fai é acelerar un proceso de descomposición que, de seu, é natural, pero non cambia para nada o respecto polos defuntos, o trato que deben recibir os seus restos e o significado que ten para os cristiáns.

Segundo isto, igual que non ten sentido gardar os restos mortais dunha persoa en casa ou tiralos en calquera sitio nin de calquera forma, tampouco o ten cando estes restos foron reducidos a cinzas mediante a cremación. De feito, en moitos países está prohibido ter as cinsas dos defuntos nas casas. A incineración non afecta, xa que logo, ao trato que temos que dar aos restos mortais dos nosos defuntos.

Pero hai unha razón máis profunda. Para os cristiáns o cemiterio e a inhumación dos restos mortais dos nosos defuntos son signos da espera da resurrección dos mortos.

Non é unha cuestión baladí, e de feito a última das obras de misericordia é a de enterrar aos defuntos. Nos últimos anos xeneralizouse bastante a incineración pero non cambia en nada a obrigación que temos de enterrar aos mortos e o moito que isto significa para os que temos esperanza na resurrección.

Di san Paulo que “se Cristo non resucitou, va é a vosa fe” (1Cor 15, 17). Na época actual, cando parece que todo cambiou e que nos movemos por impulsos das modas, creo que é importante tomarse en serio algo tan importante como é a morte e o seu sentido, que vai intimamente unido á esperanza que provén da resurrección de Xesucristo.

Por unha cuestión de saúde psicolóxica e antropolóxica necesitamos saber onde está o lugar onde descansan os nosos defuntos para poder facer memoria deles. Por iso empeza a ser habitual ver placas co nome dunha persoa en lugares nos que se esparexeron cinsas de defuntos. Non deixa de ser paradoxal que rexeitemos depositar as cinsas nun lugar concreto dun cemiterio e despois teñamos que fabricar artificialmente e a posteriori iso mesmo que rexeitamos.

O final do Ano da Misericordia, precisamente no mes dos defuntos, bríndanos esta posibilidade de reflexionar sobre a última das obras de misericordia que é, como xa dixemos, enterrar aos mortos. Pódenos axudar a isto a película Little Boy, producida por Eduardo Verastegui.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: