Xaime Delgado enunciaba deste xeito as diferentes tipoloxías que se atopan na Galiza: “Primeira. A das catedrais e a de moi importantes igrexas. Son de tres naves con outra transversal, perpendicular a elas, chamada transepto. En correspondencia con cada nave e facendo de cabeceira ao transepto, teñen tres ábsidas. A central, ou capela maior, é de máis amplas proporcións. As dúas laterais, máis ou menos xemelas, son notablemente máis pequenas. Co transepto plásmase con máis realismo a planta en forma de cruz –a mesma que atopamos na Seo galega-”. E continuaba: “Segunda. A de igrexas importantes. Teñen tres naves coas súas tres ábsidas, mais carecen de transepto –coma a da igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, Pantón. Terceira. A de algunhas igrexas igualmente importantes. Constan dunha soa nave á que segue un transepto coroado por unha cabeceira triabsidal – características da igrexa de Vilar de Donas, Palas de Rei-. Cuarta. A do resto de igrexas con cabeceira da ábsida semicircular. Moitas destas igrexas teñen singulares valores –coma san Nicolao de Portomarín- Outras moitas son pequenas e sinxelas –coma san Miguel de Bacurín, Lugo-. Quinta. Trátase de aquelas igrexas cuxo presbiterio -ábsida- é de planta rectangular –coma a igrexa de santa María de Camporramiro, Chantada-.”
Nin que dicer temos, que a tipoloxía máis numerosa no país é a que Xaime describe en derradeiro lugar, continuadora das ábsidas precedentes, as prerrománicas, que implicaban unha destreza menos técnica que un muro semicircular; de igual xeito a cubrición soe ser de madeira. Posiblemente razóns económicas e técnicas levan a que esta tipoloxía esténdase dende o primeiro románico até un románico moi posterior. Do mesmo xeito, e pola contra das grandes e importantes igrexas, a maioría dos templos galegos presentan unhas pequenas xanelas, saeteiras –con derrame cara ao interior que manteñen o ambiente mistérico.
Carolina Casal
Conservadora do Museo Catedralicio