Luisa (Lalín):
Emprendemos unha nova travesía, na que queda demostrado, para quen participamos, o que é en si un proceso sinodal. No pasado pensabamos que iso só se podía realizar a través de cardeais e bispos pero actualmente fáisenos ver que todos podemos participar. É o que se nos pide neste proceso: axudarnos mutuamente a escoitar o que o Espírito Santo di a cada persoa e a todos nós xuntos. Esta escoita permitirá que poidamos ser unha verdadeira Igrexa misioneira. Non se trata de seguir estruturas ríxidas senón mirar ao interior de cada un, valorar quen somos e a onde nos diriximos. Falaba o papa Bieito XVI das minorías creativas, de que a Igrexa debe estar creando sempre, movida polo Espírito Santo, espazos novos. A peculiaridade deste Sínodo é que xa comezou con estes cambios.