Desexo compartir esa gran experiencia de seguir o mandato de Xesús: “Vaian”. Desde hai varias semanas estou no municipio de Sacaba (Cochabamba, Bolivia) compartindo misión cos meus irmáns Misioneiros Segrares Vicencianos, enviado pola Delegación de Misións de Lugo, sementando o Evanxeo de Xesús a través do meu traballo na misión. Un chega a descubrir que non é tanto o que dá, senón moito o que recibe en experiencias, no contacto coa xente máis sinxela, que sempre ten un xesto de xenerosidade e cercanía, e comparten o que non teñen, ensinandome canto ben nos fai ver a pobreza de preto.
Desde o Centro de Atención á Muller (CAM) traballan un grupo de mulleres que sufriron e superaron feitos de violencia de xénero. Elas son as promotoras de dereitos humanos e o seu labor consiste en acompañar e asesorar a mulleres que padecen a violencia para que se alcance unha xustiza transparente baseada na reconstrución dos dereitos humanos e así vivir con dignidade. Coas instancias públicas ese traballo faise desde a experiencia do CAM, que consiste en entender a acción como resposta complementaria á falta de recursos públicos, ante a realidade da violencia que sofre a muller. Daí que unha prioridade do ser e facer do CAM é a coordinación e apoio ás instancias públicas, obrigadas por lei de dar resposta a esta realidade.
Sigo crendo e apostando por traballar nestes lugares lonxanos pero próximos, pola unión da comunidade na que me encontro. Hai máis alegría en dar que en recibir. Por ese motivo estendemos a man de Deus a través de tantos misioneiros que gozan do don do envío a lugares nos que a necesidade faise un permanente chamado aos bautizados e comprometidos co Reino de Deus.