Tanto vale a vida humana?

Como din nos programas informativos dos medios de comunicación «a actualidade manda». Tamén aquí traio un dos temas que foi actualidade ahi un tempo, pero que aínda non esquecimos: o rescate de Julen.

Hai uns meses escribín un artigo titulado «Tan pouco vale a vida humana?», pero, despois do visto, considerei que debía cambiar o título e, a pesar do fatal final da historia de Julen, constatar que a vida ten valor, un valor absoluto e por iso hai que loitar, mesmo contra todo prognóstico e sen mirar o que se gasta. A proba está nos centos de persoas que traballaron no rescate do neno.

Non quero entrar en máis detalles sobre este caso tan peculiar por inusual que foi. Sei que a morte de calquera neno ou calquera ser querido é moi dolorosa para os seus, aínda que non se lle dedique un só segundo na televisión. Por non falar tamén dos centos de persoas, anónimas para nós, pero non para as súas familias, que quedan no fondo do Mediterráneo e o seu éxodo cara a unha terra mellor.

A tempo pasado quero quedarme só co bo, como dicía máis arriba, e cunha oración por Julen e polos seus pais e por todos aos que representan.

Pero aínda non rematara a fin de semana, no Telexornal de TVE1 da noite, nunha das reportaxes, ao que lle dedicaron bastante tempo, tratábase o tema da eutanasia unha vez máis. En menos dun minuto pasouse de dar a noticia do funeral de Julen, de lembrar todo o operativo e de entrevistar a un dos bombeiros que dicía que loitaron até o final porque querían crer que o neno estaba con vida, a ofrecer as opcións que temos para «eutanasiarnos» ata que en España se promulgue a lei que permita facelo legalmente.

Nun minuto pasamos de aferrarnos a un imposible, a defender o dereito de terminar a vida de quen se considera ou consideramos que non merece a pena ser vivida. Termínase a noticia de Julen e para encher o baleiro cambiámonos de lado sen o mínimo escrúpulo.

Tanto defendemos que se gasten 100.000,00 € diarios para salvar unha vida como pedimos que se poida eliminar ao neno non nacido e non desexado con total normalidade e sen que ninguén vexa a aberración, nin tan sequera a incoherencia, por defender unha cousa e a contraria ao mesmo tempo. Só en España realízanse case 100.000 abortos cada ano.

Doutra banda, en Nova York aproban que se poida abortar até o minuto antes de nacer.

Un dos entrevistados polo tema da eutanasia dicía que «o titular de vida ten dereito a dispor dela». Pero resulta que ningún humano se dá a vida a si mesmo, senón que nos vén dada. Por tanto, non podemos dispor dela nin tampouco decidir sobre a vida dos demais, porque o seu valor é absoluto en todas as súas etapas, como absoluto é o que nola deu.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

 

 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: