Cada poucos días e cada vez con máis frecuencia sae á escena pública o tema da eutanasia. Úsase para iso unha linguaxe eufemística e politicamente correcta, pero todo o mundo sabe do que se trata: acabar cunha vida que consideramos xa inútil.
Aos poucos imos afacéndonos a este “ run run”, como o fixemos no seu día co aborto, ata que o vemos como algo normal que xa non nos escandaliza. Unha película, unha moción no Congreso, unha entrevista… Pasa o mesmo que co noso coche, empeza a facer un ruído, que ao principio nos alarma pero que aos poucos días xa nos afacemos, mesmo se vai en aumento, ata que nos sorprende unha gran avaría, cando xa non podemos facer nada por evitala.
Un pode entender que algunhas persoas debido á súa situación estean angustiadas, de tal forma que o seu ánimo decaia e desexen que chegue a morte dunha vez para deixar de sufrir.
O que me custa máis entender é que haxa tanta xente nova, con saúde e con condicións de vida suficientemente dignas, para a que a vida non ten absolutamente ningún valor, que admitan como algo normal desfacerse do neno non nacido cando non interesa, vivir a vida cunha tremenda desgana e poñerlle fin cando as cargas empezan a ser pesadas.
Entendo que a cuestión non é “aborto si” ou “aborto non”, “eutanasia si” ou “eutanasia non”. Está claro que a ninguén se lle obriga, pero tamén é verdade que estas cousas teñen efecto chamada e contáxianse, ata parecer que son normais, cando non o son.
A cuestión primeira, desde o meu punto de vista, é saber por que a vida perdeu tanto valor ata este deprezo da mesma, precisamente cando máis deberiamos coidala: a indefensión dunha persoa non nacida e a da enferma ou anciá que se ve soa na súa situación.
De onde xorde este fastío que invade a vida das persoas para que o seu valor descenda de tal modo que xa só pende dun fino fío? Que fixemos para que sexa precisamente nos países máis desenvolvidos, onde menos se desenvolva a vida, con máis abortos, menos natalidade, máis suicidios e agora a eutanasia? Que fixemos para que a vida humana valla menos cá dun can? Como chegamos a converter ao home no peor inimigo de si mesmo?
Parece que o homo homini lupus do filósofo do século XVIII Hobbes faise realidade no século XXI. Claro que agora, máis ben, uns homes fan de lobos e outros de inocentes cordeiros, sen posibilidade algunha de defenderse.
O aborto e a eutanasia son a expresión máis clara do baleiro que invade ás persoas cando só estamos cheas de materialismo. Rompemos coas nosas raíces créndonos froito dunha simple casualidade e frustramos as nosas ansias de perpetuidade poñendo fin a unha vida da que descoñecemos a súa orixe. Non só acurtamos os días da nosa vida, senón que tamén reducimos á mínima expresión a súa dignidade, decidindo arbitrariamente cando temos que morrer.
Estas “ideas suicidas” invalidan todas as palabras daqueles que se lles enche a boca falando de políticas sociais para axudar aos máis desfavorecidos.
Termino cunha oración do Papa Paulo VI, recentemente canonizado: Oh Cristo, único mediador noso:/Necesitámoste, oh único e auténtico mestre/das verdades recónditas e indispensables da vida,/para coñecer o noso ser e o noso destino,/así como o camiño para alcanzalo.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada