Xornada Mundial da Xuventude nas Igrexas particulares

As Xornadas Mundiais da Xuventude que se celebran un verán nalgunha cidade do mundo son ben coñecidas. Por exemplo, en 2023 foi en Lisboa. Os anos sen encontro internacional organízase un encontro xuvenil a nivel diocesano. Desde hai uns anos, as Xornadas Mundiais da Xuventude diocesanas celébranse na Solemnidade de Xesucristo Rei do Universo.

Este encontro diocesano é unha cita clave para a pastoral xuvenil da Igrexa local. A xornada busca poñer a Xesús como centro e seguir o chamado do Papa Francisco, quen lembra que os mozos non só deben “recibir unha formación, senón que tamén lles permitan compartir a vida, celebrar, cantar, escoitar testemuños reais e experimentar o encontro comunitario co Deus vivo” (Christus Vivit, 204).

Este 2024 os mozos están convocados o 23 e 24 de novembro a un encontro na súa diocese baixo o lema “Os que esperan no Señor camiñan sen cansar” tomado do profeta Isaías (Is 40,31). Deus dá forza; aínda os rapaces cansan, tropezan e vacilan; pero os que esperan no Señor renovan as súas forzas.

Encontros previstos co Papa: Xubileu do 2025 en Roma, e Xornada Mundial da Mocidade en Seúl, no 2027.

Mozos, valorade o voso tesouro

“Mocidade, primavera da vida ”

A primavera non é meta, pero posibilita o alcanzala.

A primavera non é un froito en sazón, pero apunta a conseguilo.

A primavera non é espiga, pero dará paso ao gran da espiga.

A mocidade ten o dereito de recibir das xeracións precedentes puntos firmes para facer as súas opcións e construír a súa vida, do mesmo xeito que unha planta pequena necesita un apoio sólido ata que crezan as súas raíces, para converterse nunha árbore robusta, capaz de dar froito.

Os mozos sodes como as plantas; polos primeiros froitos vese o que se pode esperar para o porvir.

Os mozos sodes persoas en plenitude, pero aínda estades en camiño.

É fermosa vosa idade, pero pode carrexar riscos.

Valorade o voso tesouro en vós e nos outros.

Preparade o voso futuro con gozo e responsabilidade.

Mantédevos en respecto mutuo vosoutros e vosoutras.

Mozos, tratade ás mozas, como queredes que traten ás vosas irmás.

Noivos, valorade ás vosas noivas como ás futuras nais dos vosos fillos.

O mellor agasallo para un fillo é ter unha nai santa.

Preparade tan prezado agasallo aos vosos fillos do mañá, vivindo limpamente os anos da vosa mocidade.

Sede vós mesmos os mellores modelos dunha futura familia exemplar.

Seguide camiños “alternativos” indicados polo amor verdadeiro: un estilo de vida sobrio e solidario; relacións afectivas sinceras e puras; un empeño honrado no estudo e no traballo, un interese profundo polo ben común.

E, como cristiáns, comportádevos de tal maneira que a Virxe Inmaculada sempre poida sonreírvos.

Se así o facedes, parabéns!.

O que leva a cabo a obra cristiá é o Señor, pero nós somos os seus colaboradores. Pois, que se cumpra plenamente o plan de Deus en cada un de cantos hoxe estades na primavera da vida.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

 

Actividades de Cáritas Lugo con nenos e adolescentes

O Programa de Infancia e Mocidade de Caritas Diocesana de Lugo organiza as seguintes actividades no verán:

Campamento Multiaventura Adolescentes: Do 4 ao 7 de xullo en Naturmaz, Mazaricos, (A Coruña).

Dirixido a mozos de idades comprendidas entre 14 e 17 anos.

Centro de Interese: “Os superheroes”

En Naturmaz poderán practicar actividades multiaventura: kaiak, tirolina, paintball, tiro con arco, parque aéreo, escalada, etc

Ademais fanse actividades relacionadas co centro de Interese, co fin de fomentar valores propios dos superheroes: a valentía, o traballo en equipo, a fortaleza, a xenerosidade.

Campamento Urbano XXV. Do 15 a 26 de xullo en Lugo no Colexio Rosalía de Castro.

Dirixido a nenos/as de 8 a 13 anos.

Centro de Interese: O cinema

Durante o Campamento Urbano, da man dun guionista os nenos participantes percorrerán a historia do cinema, desde o cinema mudo, pasando polo cinema fantástico, de aventuras, musicais, comedia, drama.

Presentación da Xuventude Obreira Cristiá

Tres membros do Secretariado Xeral da Xuventude Obreira Cristiá estiveron o pasado 31 de maio na igrexa San Antonio de Padua (Lugo). Por medios de dinámicas como a do termómetro, presentouse a campaña Relacionarte sobre como a mocidade se relaciona entre si en distintos ambientes. Esta campaña segue 3 pasos -ver, xulgar e actuar-, dos que concluíu o primeiro e agora, no xulgar trátase de comprobar como a Xuventude Obreira Católica pode dar respostas, à luz do Evanxeo, a cuestións que presenta a realidade obreira actual.

 Tamén se informou de que entre o 15 e o 21 de xullo haberá en Candelera (Ávila) un campamento de verán para rapaces maiores de 14 anos. Máis información no teléfono 915 215 433.

Encontro interdiocesano de pastoral xuvenil

Dúas veces ao ano as Delegacións de Mocidade das cinco dioceses galegas manteñen un encontro para programar actividades conxuntamente, valorar o feito e apoiarse entre si. Unha desas reunións foi o 29 de novembro en Lugo: estivo presidida polo Bispo da Diocese Mons. Alfonso Carrasco, revisouse o programa de formación de líderes evanxelizadores que está en marcha, GEN, e viuse a programación da Xornada Mundial da Xuventude en Panamá, a peregrinación a Fátima e actividades que se farán durante o verán.

A %d blogueros les gusta esto: