Fai uns anos comentábame a esposa dun xuíz que o seu marido levaba días sen poder durmir porque tiña que redactar unha sentenza. Tal como se desenvolvera o xuízo e a presentación de probas tiña que condenar ao acusado, pero que tiña o claro convencemento de que era inocente. Por iso estaba sen poder durmir e revisando todo o proceso, pois non quería que un inocente fose condenado, nin facer unha sentenza sen os debidos fundamentos, que podería ser cambiada nunha instancia superior.
Nos tempos actuais vemos como en diversos medios de comunicación se emiten severísimas condenas cunha superficialidade que asusta. Vemos que en tertulias se fan veredictos en base a chamadas de teléfono. Noutros casos asistimos a tertulias nas que con unanimidade e sen debate todos emiten unha condena, sen que teñan os acusados o máis mínimo dereito de defensa.
De vez en cando dou unha ollada aos comentarios que se fan nas redes sociais a algunha noticia de periódico, onde aparecen frecuentas condenas totais e sen paliativos, onde calquera pode escribir o exabrupto máis grande e contundente, ou tirar o dardo máis envelenado. Parece que estamos na lapidación pública de alguén e a ver quen lle tira o cantazo máis grande, con máis forza e puntería. Parecemos seguidores fanáticos do señor Charles LINCH que condenaba e executaba sen xuízo previo, e practicamos, por tanto, o LINCHamento.
Pensabamos, pero estabamos equivocados, que certos dereitos xa estaban asentados para sempre na nosa sociedade, por exemplo:
– A presunción de inocencia e, por tanto, hai que demostrar a culpabilidade, non a inocencia. Pero hoxe vemos que o que se demanda ante calquera acusación é que o acusado ten que demostrar a súa inocencia, non se ten que demostrar a culpabilidade do acusado. Aquí os líderes dos partidos políticos tiñan que ser exemplares e non o son, nin moito menos.
– Ninguén pode ser condenado sen un xuízo xusto e cun dereito efectivo de defensa. Cantas tertulias televisivas e radiofónicas condenan a persoas e institucións sen que haxa ninguén que as defenda? Lembro que a conversión de Chesterton comezou porque nas xuntanzas de colegas todos condenaban á Igrexa por todo, e el para animar algo o debate comezou a defendela. Estas condenas de persoas e grupos de xeito unánime e sen xuízo serio soen ser máis a manifestación de estados e sociedades totalitarios ca de réximes democráticos.
– É preferible que un culpable non sexa condenado a que si o sexa un inocente. A razón fundamental para oporse á pena de morte é porque non somos propietarios da vida e por tanto non temos dereito a eliminar a ninguén. Tamén está o feito de que se demostrou que moitos condenados á morte e executados na historia eran inocentes, co que iso significa para quen teña algo de conciencia, pois non hai volta atrás nin hai unha posibilidade de reparación eficaz do mal causado.
– Dise que na acción da xustiza hai que acollerse ao principio “in dubio pro reo”, xa que non se debe privar a ninguén dos dereitos básicos do ser humano sen delitos claramente demostrados. Pero hoxe en caso de dúbida condenamos.
– O asañamento nunca é bo, nin o que chamamos terapéutico nos temas de saúde, pero tampouco o practicado contra os delincuentes. Por iso o Concilio Vaticano II na Gaudium et Spes (n. 27) manifesta a súa oposición radical a calquera sistema de torturas, detencións arbitrarias… como contrarias á dignidade humana.
Necesitamos volver a unha xustiza que rehabilite aos delincuentes, que ademais se intente que sexa reparadora do mal ocasionado. Necesitamos non só dedicarlle rúas e prazas a unha gran muller, Concepción Arenal, senón facer realidade algunha das súas ensinanzas. Por ex. “O penado é un home, máis ou menos culpable, máis ou menos ignorante, máis ou menos extraviado, pero un home”. “Se o preso se manipula como cousa na prisión, non será persoa ao saír dela”.
Para os cristiáns hai moitos textos na escritura acerca deste tema pero quedaríame con dous: Cando a Xesús lle presentan unha muller pillada en adulterio e que segundo a lei mosaica, na que se apoiaban os seus acusadores, había que apedrar, El responde: “Quen de vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra…” (Xoán. 8, 1-11). Cando Pedro lle pregunta a Xesús cantas veces hai que perdoar a quen me segue ofendendo e créndose bo di: “Ata sete veces?” A resposta de Xesús é rompedora: “Non che digo ata sete veces, senón ata setenta veces sete” (Mt. 18, 21-22).
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas
Gústame esto:
Gústame Cargando...