Setembro, novo camiño

Este curso pastoral 2024-25 incluirá o Ano Santo romano, que convocou o Papa Francisco coa Bula Papal “Spes non confundit” (A esperanza non confunde, Rom 5,5). Nela están escritos os temas primordiais da convocatoria, cuxo tema central é “Peregrinos de Esperanza”. O Ano Santo Xubilar ordinario é un período especial de graza e perdón dentro da Igrexa católica, que se celebra cada 25 anos. Comezará o 24 de decembro de 2024 e culminará o 24 de decembro de 2025 coa súa clausura.

Outro evento da Igrexa Universal é o Congreso Eucarístico Internacional. Aínda que a Adoración Nocturna de Lugo non poderá asistir a el pola súa distancia, en Quito (Ecuador), si podemos encomendar a súa organización e seguir o seu desenvolvemento para coñecer experiencias eucarísticas. Debemos testemuñar a presenza real de Cristo na eucaristía, dar grazas a Deus por este don e promover a súa estima nas nosas comunidades e na vida persoal porque o amor de Cristo eucaristía merece sempre ser máis coñecido, aprezado, amado e adorado.

No mes de setembro queremos inaugurar un tempo novo. Acendemos a estrela de luz e fe neste camiño do curso 2024-25. Con ela sanamos os ollos enfermos do desánimo e pesimismo e iluminamos a senda que nos permite facer camiño novo.

Daniel García García

Director Espiritual Diocesano da Adoración Nocturna

A %d blogueros les gusta esto: