No Salón de Actos da Fundación Novacaixagalicia, en Lugo, abriu as Xornadas Abertas de Teoloxía José Francisco Serrano Oceja falando sobre a imaxinación da caridade na Igrexa. Comezou advertindo que o relativismo non leva a unha auténtica solidariedade nin a unha xustiza plena. En cambio, o Papa Francisco invítanos a superar unha mirada aséptica da miseria coa personalización: debemos mirar directamente aos ollos do pobre. Serrano Oceja tamén lembrou que outra invitación do Papa é a de seguir a lóxica do don, algo moi diferente á axenda oculta que está detrás da política e da economía actuais: o poder (relacionado co diñeiro). Finalmente, o conferenciante falou de como a Eucaristía axuda a vivir con esa lóxica do don e a personalización.
Xornadas Abertas de Teoloxía
Conclúen as Xornadas Abertas de Teoloxía
A conclusión das Xornadas Abertas de Teoloxía correu a cargo do Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, que tratou o tema do “fiel cristián segundo o Concilio Vaticano II”. Sobre a importancia deste concilio dixo o seguinte: a lectura da historia que fixo o Vaticano II é a lectura máis profunda que se ten feito no mundo contemporáneo.
Na época do Concilio, a Igrexa viu a necesidade de abrir as portas para facilitar o encontro con Xesús. E hoxe os cristiáns deben superar as súas coitas intrafamiliares, abrir os ollos ao mundo e proclamar que Xesús é a luz dos pobos.
Para o Bispo de Tui-Vigo, o que hoxe está facendo máis estragos na Igrexa é que vivimos na rúa segundo os criterios da rúa e na Igrexa segundo os criterios da Igrexa; ao final, acabamos perdidos.
Noutro momento da súa intervención, preguntou: por que os avós e as avoas teñen conquistados aos netos? E a resposta: porque están ao seu carón. Pois ben, a mocidade ten que sentir preto dela a catequistas, sacerdotes… E isto faise, entre outras cousas, desde unha unidade de vida.
Mons. Luís Quinteiro constatou que na sociedade actual hai unha demanda fantástica de espiritualidade. Pero ás veces fálase, por exemplo de Oriente, e parecería que a espiritualidade cristiá non tivese interese. Por iso, é unha necesidade imperiosa unha formación na vida espiritual.
“Recibir o Concilio. 50 anos despois”
No segundo día das Xornadas correspondeulle intervir a Juan Carlos Fernández Menes, profesor do Centro Superior de Estudos Teolóxicos de León. O título do seu relatorio foi “Recibir o Concilio. 50 anos despois”. Comezouse dicindo que o Vaticano II tivo unhas dimensións “físicas” grandes, con 3.500 participantes directos e unhas intervencións que, sen estar todas recollidas, xa suman máis de 50 volumes. A súa razón convocante era presentar o Evanxeo de sempre aos homes e mulleres da época contemporánea. Tocáronse temas inéditos, como a escandalosa pobreza de parte da humanidade.
Xoán XXIII deu unha gran sorpresa: reúne a un grupo de cardenais para anunciarlles “catro cousiñas”, pero unha delas era nada menos que a convocatoria dun concilio. E convocouse, non cuns fins explícitos, porque a idea era posibilitar unha gran participación, como así foi.