O arcebispo de Oviedo, Mons. Jesús Sanz, inaugura as Xornadas Abertas de Teoloxía

O 26 de febreiro iniciáronse as XXXII Xornadas Abertas de Teoloxía coa presenza do arcebispo de Oviedo, Mons. Jesús Sanz OFM, que despois de caracterizar á sociedade actual (seguindo entre outros autores a Zygmunt Bauman) foi comentando o papel dos 5 suxeitos implicados na tarefa educativa:

  • Educando. “A persoa humana é unha obra de arte que ten simultaneamente un sinfín de posibilidades e un sinfín de limitacións. Ambas son un regalo. As posibilidades de quen ten algo que dicir, algo que poder construír. Para que non se conciba o centro do universo chamándose a si mesmo deus, está a limitación de saber que non se sabe todo, non se pode todo e non se ten todo. O educando é unha obra de arte en bruto. Esa obra de arte é única e irrepetible porque fixérona en serio, non a fixeron en serie”.
  • Educador. “Ten que ser como nai nodriza que sabe transmitir nutrindo a quen está acompañando. Propón, regala. Educar é non permitir que a outra persoa termine sendo inane e morra de fame de descubrir o que leva dentro”.
  • Familia. “Quen a controle sabe que ten nas súas mans a medio e longo prazo, o mañá. Por iso a familia ten neste momento tantos intentos de control, de mixtificación, de confusión e de disolución”.
  • Escola. “Importante non só por ensinar os contidos das ciencias e das artes, tamén se convive cunha xeración e hai uns mestres que van formando sen formatear unha visión adulta e madura na propia vida”.
  • Comunidade cristiá. “É unha síntese das preguntas do corazón humano e das respostas reveladas por Deus. É o lugar onde a miña pregunta é abrazada e respondida por un Mestre. Na comunidade cristiá a miña vida humana atópase cun ti que me permite crecer ata a maduración”.

Xornadas Abertas de Teoloxía – “O reto de educar”

Os días 26, 27 e 28 de febreiro terá lugar a 32ª edición das Xornadas Abertas de Teoloxía. Nesta ocación o título é “O reto de educar. Unha proposta desde a fe” e o programa o seguinte:

Luns 26 Salón Rexio do Círculo das Artes

Conferencia inaugural: “El reto de educar”

Relator: Mons. Fr. Jesús Sánz Montes OFM, Arcebispo de Oviedo.

Licenciado en Teoloxía, esp. Espiritualidade e Teoloxía da Vida Relixiosa. Doutor en Teoloxía. Docente da Facultade de Teoloxía “San Dámaso” de Madrid. Membro do Comité Executivo e da Comisión Permanente da CEE, para o trienio 2017-2020.

Martes 27 febreiro – 20h. Salón Rexio do Círculo das Artes

Conferencia: “Educar en la afectividad hoy: legislación, familia, escuela”

Relator: Carmen Fernández de la Cigoña Cantero

Doutora en Dereito e docente de Historia do pensamento político español e Doutrina Social da Igrexa na Universidade CEU-San Pablo. Conselleira Nacional da Asociación Católica de Propagandistas.

Mércores 28 febreiro – 20 h. Salón de Actos da Deputacíón Provincial

Conferencia: “El arte de educar: el Colegio San Ignacio de Torrelodones (Madrid)”

Relatores: J. Francisco Romo Adanero

Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía. Licenciado en Filosofía y Letras. Doutor en Humanidades. Director do Colexio CEU San Pablo (Claudio Coello) durante oito anos. Profesor universitario e, dende o 2012, director pedagóxico do colexio San Ignacio de Loyola en Torrelodones.

Alfonso Calavia Arespacochaga

Licenciado en Filoloxía Hispánica. Profesor de Lingua e Literatura no Colexio San Ignacio de Loyola de Torrelodones en Secundaria e Bacharelato e en FP básica de Agroxardinería.

Mons. Javier Martínez Fernández clausurou as Xornadas Abertas de Teoloxía

O arcebispo de Granada Mons. D. Javier Martínez Fernández encargouse de pechar as XXXI Xornadas Abertas de Teoloxía de Lugo coa conferencia titulada “Algunas dificultades del diálogo interreligioso”. Como primeira dificultade sinalou o feito de que nosoutros xa case non sabemos quen somos, polo que se perde capacidade de ser interlocutores no diálogo. E case deixamos de ser cristiáns debido á colonización que a cultura da Ilustración fixo co cristianismo: elementos culturais da Ilustración (amor á liberdade, á beleza…) son vistos sen ter en conta a súa verdadeira raíz, que é o abrazo de Deus á humanidade. En consecuencia, existe e o problema de que non pensamos para que vivimos. No diálogo cos asistentes, Mons. Javier Martínez sinalou a importancia das estruturas que permiten organizar o diálogo interrelixioso, pero sen esquecer a importancia do encontro entre pobos, na vida cotiá.

[Escoitar conferencia]

Samir Khalil Samir, SJ: O Islam como desafío hoxe

Na segunda das Xornadas Abertas de Teoloxía, o xesuíta exipcio Samir Kahlil Samir, presentou as diferencias entre Islamismo e Cristianismo: neste hai unha fraternidade universal e ten como fundamento unha persoa – Cristo- e no Islamismo, que ten o seu fundamento nun libro -o Corán- a fraternidade é máis restrinxida (soamente cos correlixionarios). Pasou logo a tratar a cuestión do fundamentalismo e aquí preguntouse quen sostén a ISIS e na resposta mencionou a Arabia Saudita e Qatar. Occidente non contribúe a mellorar a situación porque ten un deus, e non é Xesús, é Mammón. Na parte final da súa conferencia, Samir falou da necesidade de axudar a que os musulmáns chegados a Occidente se integren.

No diálogo cos asistentes, Samir dixo que na relación cristianismo-islamismo debemos ser ao mesmo tempo críticos e benevolentes. Críticos porque é unha esixencia da verdade, e hai que desenmascarar as falsidades e os erros. E seremos benevolentes pola necesidade que hai de cambiar as relacións, axustándonos á realidade. Verdade e fraternidade, non unha sen a outra.

[Audio da conferencia de Samir Khalil]

 

Serafín Fanjul iniciou as Xornadas Abertas de Teoloxía

O Círculo das Artes de Lugo acolleu o 20 de febreiro a primeira das conferencias programadas nas Xornadas Abertas de Teoloxía. O historiador e lingüista Serafín Fanjul, foi enumerando a escritores estranxeiros que visitaron España e intentaban asimilar a poboación española á árabe, pero caendo, por exemplo en contradicións, como considerar que os españois herdaran tanto a “propensión á violencia” como a “suave tolerancia dos mouros”. Para Serafín Fanjul, “hai unhas moralexas de ideoloxía barata que non contribúen a dar unha imaxe real do país. Evidentemente, a orografía, o clima, a tecnoloxía, a tecnoeconomía conseguinte, todo iso son condicionamentos materiais verdadeiros que non contan para a maior parte dos viaxeiros. Pero estou seguro de que a psicoloxía social estaba máis relacionada con iso que con outras cousas”.

Sobre o tema da conferencia, Serafín Fanjul dixo que “nin na España musulmana nin na España de predominio cristián houbo unha convivencia modélica. O que houbo foi xustaposición de poboacións que máis ou menos se toleraban, cunha por riba das outras dúas. Nunha primeira etapa o predominio era musulmán e tiñan sometidos a cristiáns e xudeus facéndolles pagar máis impostos, someténdoos a unha gran cantidade de prohibicións, de discriminacións… Despois, cando se produce a Reconquista, tamén a discriminación é notable; por exemplo, obrígase aos xudeus e aos mudéxares (musulmáns) a levar signos distintivos na cabeza ou no ombreiro; prohibíaselles o uso de determinadas cores vivas (vermello, verde), de brocados, de bordados de ouro, calzado de calidade. Anteriormente, esa mesma prohibición ou moi semellante producírase no campo musulmán cos cristiáns.”

 

A %d blogueros les gusta esto: