Xesucristo: a pedra angular

Xesús cita no Evanxeo un texto do Antigo Testamento. Lémbranos que El é a “pedra angular”, a mesma que antes “desbotaron os arquitectos”.

Recoñezo que teño predilección por esta definición de Xesucristo. A imaxe da pedra angular recolle perfectamente quen é Xesucristo, a súa natureza e a súa misión. A pedra angular é a que ten dúas caras boas e que serve para poñer no ángulo dunha parede e unir sólidamente os dous lados dunha construción.

A dobre natureza de Xesucristo, divina e humana, é a que lle permite salvarnos dun modo eficaz e auténtico. Xesús é o único que pode unir ceo e terra, o humano e o divino. É o Deus-home que pode facer que todos os homes poidan participar da natureza divina unidos a El.

Cristo, a pedra angular que desbotada polos arquitectos, é agora a pedra que toma vida e que fai que ata o último pedrusco do último lugar do mundo convértase tamén nunha pedra viva.

Grazas a Xesucristo somos pedras vivas da Igrexa e aínda máis: estamos chamados a ser tamén pedras vivas da Igrexa do Ceo.

Miguel Ángel Álvarez

Tomado de Falando Baixiño, nº 160

“Este ensinar con autoridade é novo”

A opinión dos que vían actuar a Xesús é unánime: a forma que Xesús ten de facer e falar é absolutamente nova, ademais de facelo cunha autoridade indiscutible. Así o escoitamos no Evanxeo da misa do Domingo IV do Tempo Ordinario.

Noutra ocasión será o mesmo Xesús quen diga que El vén facer novas todas as cousas.

A novidade que nos chega con Xesucristo segue sendo a mesma logo de 2000 anos. Nada do que El fixo ou dixo fíxose vello, segue conservando a frescura e orixinalidade do primeiro día. Deus non pasa nunca, de aí está perenne validez das palabras de vida do Fillo de Deus.

Nun mundo vello e con demasiados tópicos, quizais innecesarios, necesitamos acudir sen medo e con decisión a Xesucristo para escoitar a súa palabra de vida, para que nos faga criaturas novas.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Non é unha pantasma

E eu que cría que iso das pantasmas era algo relativamente recente, de hai pouco máis de medio século e creado pola ciencia ficción… Pois vai ser que non! Nos evanxeos coméntasenos algunha vez que confundiron a Xesucristo cunha pantasma. Pódenos parecer estraño, pero así é. Lede o evanxeo do próximo domingo e comprobarédelo.

Non é estraño que a nosa infinita imaxinación lévenos a unha comprensión das cousas de Deus dunha forma estraña e imposible. Con moita frecuencia canto máis «rara» é unha manifestación, que alguén di que é de Deus, crémola máis doadamente. O misterio ás veces prodúcenos demasiado morbo, e cremos antes nun Deus pantasma e raro que nun Deus revelado plenamente en Xesucristo e que fala a mesma linguaxe ca nós.

Que verían aqueles pobres homes no medio do lago para pensar desta forma tan confusa? Seguramente viron algo tan extraordinario que creron estar fóra do mundo, pois aquí non poden pasar estas cousas.

E é que Deus fai cousas extraordinarias. Se fixese o mesmo que nós non tería ningún interese. Pero o importante non é que camiñe sobre as augas. Iso é só algo espectacular.

O importante de verdade é o que di e o que nos fai sentir: «Ánimo, son eu, non teñades medo!». A fe non permite que nos afundamos nas escuridades e tempestades da nosa vida. A fe fainos valentes cando nos envolven os medos. Sabernos nas mans de Deus, que o pode todo, fai que vivamos con moita tranquilidade aínda que o ambiente estea, ás veces, demasiado revolto.

Lembro agora un canto que entonamos moitas veces na parroquia ao final dos funerais, cando iniciamos o camiño de levar o féretro ao cemiterio: En los brazos de Dios te dejamos (pinchar para escoitar). Son os mellores brazos, sobre todo, cando os nosos xa non poden facer nada por nós nin polos demais.

Para rematar, tamén unha lectura eclesial deste Evanxeo. «A barca de Pedro» é a Igrexa, ás veces axitada pola brisa tempestuosa deste mundo e os ventos que corren. Tamén a Igrexa terá que virarse a miúdo cara a aquel que a salva de todos os seus medos, e que é Espírito vivo e presente que a asiste.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Luz física e “luz” que dá sentido ás nosas vidas

A todos gústanos o sol, os días claros e cálidos. O sol é fonte de vida e anima os nosos días. Por isto e pola súa maxestuosidade, o mundo pagano daba culto ao sol. Pero aínda así, o sol, non é capaz de dar sentido a toda a existencia dos humanos, pois a súa luz, por exemplo, non alcanza a iluminar as sombras da morte.

Necesitamos atopar o verdadeiro “sol”, a Xesucristo. Os seus raios dan vida, vida abundante, vida eterna. Recórdanolo o Papa Francisco no número un da encíclica Lumen Fidei. O sol astro do ceo un día apagarase. O “sol” Xesucristo, brilla polos séculos dos séculos, ilumina os nosos pasos, para que vivamos xa desde agora a novidade do ceo, que transcende á mesma grandeza de todo o creado.

Alguén que iluminou a súa vida coa luz do “sol” que nace do alto foi o noso paisano e patrono San Froilán, do que levamos unha semana celebrando a súa festa. É unha pena que alguén que durante estes días foi tan nomeado sexa, á vez, tan descoñecido. San Froilán nin comeu polbo, nin se subiu ao saltón, nin escoitou un concerto de sons estridentes, nin sequera paseou polas rúas de Lugo ateigado de miles de persoas.

San Froilán configurou a súa vida con Cristo, tratou de reflectir a súa luz, para que iluminase aos que necesitaban escoitar unha palabra que dese sentido ás súas vidas, no medio de tanta escuridade.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: