Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas

O domingo do Bo Pastor, 8 de maio, celebraranse de forma conxunta a Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e a Xornada de Vocacións.

Lema: “Deixa a túa pegada, se testemuña”. Trátase de dar voz a persoas, que co seu “si” ao Señor en diversos camiños vocacionais deixaron pegada noutros.

Obxectivo. Trátase de suscitar nos mozos a pregunta sobre a súa vocación, convidar a toda a comunidade cristiá a promover as vocacións coa súa oración e o seu acompañamento; e colaborar coas vocacións de especial consagración que nacen nos territorios de misión, coñecidas como vocacións nativas.

Música. O rapeiro católico Grilex compuxo un tema musical sobre estas Xornadas vocacionais.

Testemuños. A web www.paraquiensoy.com ofrece moitos testemuños de persoas que dixeron “si” ao Señor desde diferentes camiños vocacionais, e que ao facelo deixaron pegada en moitos outros. A web recolle así mesmo materiais pastorais para poder vivir as Xornadas.

Vixilia de Oración. Desde a parroquia de San Esteban de Cuenca, e retransmitida por youtube o sábado 7 de maio, celebrarase unha vixilia de oración

.

Xornada de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas

No IV Domingo de Pascua, lémbrase que Xesús é o Bo Pastor e a Igrexa celebra a Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e a Xornada de Vocacións Nativas, co lema “Para quen son eu?”. É unha chamada para recoñecer para que estamos feitos, que sentido ten o noso paso por este mundo, que proxecto ten o Señor para cada un. El quere que todos, segundo a vocación á que nos chama, testemuñemos coa nosa vida que El é o Señor.

Dun xeito especial, pídese a Deus que suscite vocacións ao sacerdocio e á vida consagrada, que estas tamén xurdan abundantes nos países de misión e que non lles falten os medios necesarios para desenvolverse.

As dúas Xornadas falan do don do amor de Deus. Un don que é unha tarefa, un amor que se recibe, e, á vez, un amor que se entrega con absoluta xenerosidade.

Neste mundo cheo de oportunidades, non todos teñen as mesmas. Responder a Deus significa poder discernir a súa chamada e ter os medios suficientes pero nalgúns lugares falta ata o máis imprescindible para que as vocacións vaian adiante. Trátase de ofrecer oracións e apoio para que nos territorios de misión non se perda ningunha vocación.

Cos donativos recibidos axúdase a que moitos candidatos ao sacerdocio e á vida relixiosa poidan perseverar e prepararse axeitadamente para servir ás súas novas Igrexas. Tamén, a que sexa posible manter ou construír seminarios e casas nas que poidan formarse.

[Materiais]

A Igrexa e os sacerdotes

A Igrexa nútrese de laicos e de clérigos. Todos somos iguais en dignidade, pero distintos en responsabilidade. A dignidade vénnos da nosa condición de fillos de Deus, que se nos concedeu polo bautismo. A responsabilidade é consecuencia da misión que se nos confía pola vocación á que fomos chamados. As misións son diferentes. A dos laicos é orientar a sociedade cara ao reino de Deus. A dos clérigos é o goberno da Igrexa, promovendo a formación e santificación do pobo de Deus.

A misión dos laicos é conxénita a todo bautizado. A dos ministros ordenados é consecuencia da vocación especial, en virtude da cal, algúns cristiáns intégranse no chamado mundo dos consagrados. Na dinámica vocacional interveñen dúas vontades. A de Deus, que chama e a do home, que responde. Se a resposta é afirmativa, temos unha vocación lograda. Nas decisións persoais, a primeira palabra tena Deus, pero a decisiva tena o home.

A vocación implica un xénero de vida que esixe renuncia e xenerosidade. Renuncia a planificar a vida segundo as apetencias persoais, e a entrega á misión específica á vocación que Deus chama. A vocación esixe sacrificios e xenerosidade. Necesitamos da graza de Deus, que, cando nos compromete tamén se compromete; e necesitamos dunha contorna que posibilite levar a efecto o proxecto de Deus sobre nós. E aquí xoga un papel decisivo o ambiente familiar e social.

Aplicado todo isto ao tema vocacional lembremos que o mañá dos fillos debe preocupar prioritariamente aos pais de familia. E un momento propicio para afrontar este problema pode ser o de comezar un novo curso académico. Con este motivo preguntámonos en que colexio matricularemos aos nosos fillos e que futuro desexamos para eles. E dialogamos entre nós e con eles sobre o seu porvir. As opcións son múltiples, e aquí entra o campo vocacional. Nesta decisión debe pesar máis a vontade do candidato có gusto do educador. No entanto, o consello dos pais pode achegar luz ao adolescente que se abre á vida.

A oportunidade para establecer dialogo respecto diso cos fillos pode ser o tema de elixir o centro de estudos para o novo curso. Con tal motivo non será un despropósito ofrecer o Seminario como unha opción formativa. Logo, no intercambio do proceso, haberá que lembrarlle ao neno que todos temos unha misión que cumprir na vida. Os sabios descóbrennos os segredos da ciencia. Os astronautas dinnos como vai o ceo. E os sacerdotes ensínannos como se vai ao Ceo.

Todos estes labores teñen a súa importancia e achegan valores á sociedade, pero ningún comparable á misión sacerdotal. O xardineiro cultiva as plantas para que produzan flores. O sacerdote coida das persoas para que crezan en virtudes. O labor das profesións laicais mira preferentemente aos valores temporais da persoa. O ministerio sacerdotal cóidase do porvir eterno das almas, sen descoidar os demais valores.

Preocúpate pola vocación dos teus fillos, quen sabe se no mañá serán os nosos sacerdotes!

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas

O 3 de maio celébrase a Xornada Mundial de Oración polas Vocacións, e a Xornada de Vocacións Nativas, que convocan de forma conxunta catro institucións: a Conferencia Episcopal Española, a Conferencia Española de Relixiosos (CONFER), a Conferencia Española de Institutos Seculares e Obras Misionais Pontificias. O lema deste ano é “Xesús vive e quérete vivo”.

Este domingo, a Igrexa convida a rezar polas persoas con vocación de especial consagración, e por tantos mozos que están a sentir a chamada vocacional.

A xornada convida a levantar a vista, e rezar por aqueles que están a ser chamados por Deus a seguilo nos territorios de misión. Son as chamadas Vocacións Nativas. A Igrexa convida a orar por eles, para que asuman a substitución dos misioneiros, e manteñan viva a chama do Evanxeo nos seus países e culturas. Pídese, ademais, a colaboración económica, para que non se perda, por falta de medios, ningunha desas vocacións e poder axudar a un de cada tres seminaristas do mundo.

[Materiais 1]  [Materiais 2]

Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas

O lema deste ano é unha frase cotiá -Tes unha chamada- que se converte en toque de atención para saír do encerro en nós mesmos. Necesitamos cortar cun modo de vivir “ruidoso” que nos impón a sociedade e que nos impide percibir a voz de Deus, a súa chamada persoal para cada un. Esta chamada crucial só espera a nosa resposta para, como di o Papa, “converternos en protagonistas da historia única e orixinal que Deus quere escribir connosco”.

[Materiais da Xornada]

A %d blogueros les gusta esto: