A Virxe María. Grazas

No último domingo de Advento aparece en escena a gran protagonista do misterio da Encarnación: A Virxe María. No Evanxeo deste domingo escoitaremos a pasaxe da Anunciación. O Anxo trae a noticia máis esperada de todos os tempos e María fíase de Deus.

Do “si” de María dependía a esperanza da humanidade. Se ela non aceptase o plan de Deus hoxe continuariamos vivindo nas tebras dun mundo sen esperanza máis aló da morte.

A entrega de María foi moi xenerosa. Renuncia aos seus plans e pensa máis nos demais que en si mesma. As consecuencias para ela coñecémolas: sen fogar, pobre e ver ao fillo das súas entranas sufrindo ata a morte. As consecuencias para nós, aínda que o esquezamos ás veces, tamén as coñecemos: a vida eterna que nos alcanza Xesucristo, o fillo de María.

Nunca lle agradeceremos abondo todo isto a María de Nazaret. Existen miles e miles de santuarios marianos por todo o mundo, pero a maioría das veces só acudimos a eles para pedir cousas para nós.

Cantas veces agradecemos a María o agasallo de facer posible a Boa Noticia da salvación que nos trouxo Xesús? Dito doutro xeito: cantas veces agradecemos a María o que a nosa vida e a nosa morte teñan sentido?

E ela aí está: discreta, silenciosa, atenta. Xesús na cruz entregóunola como nai de todos:”aí tes ao teu fillo” díxolle a Xoán, que nos representaba a todos. E desde aquel momento todos pasamos a estar protexidos por este abrazo maternal todos os días da nosa vida.

Grazas, María. Grazas por darnos ao autor da Vida, Cristo, o Señor. Grazas polo teu consolo e protección maternal. Grazas, María, porque grazas a ti todo é posible.

Miguel Ángel Álvarez

Encontro mariano no santuario de Nosa Señora dos Milagres de Saavedra

O xoves 12 de xuño hai un Encontro mariano no santuario de Nosa Señora dos Milagres de Saavedra (Begonte).

Está organizado pola Delegación de pastoral da saúde de Lugo co seguinte programa:

1) ás 16:30h. acollida dos peregrinos,

2) ás 17h charla sobre as mensaxes da Raíña da Paz.

3) ás 18h celebración da santa misa pola saúde dos nosos enfermos. (haberá sacerdotes para o sacramento da reconciliación).

4) ás 19h regreso.

Teléfono da Delegación de pastoral da saúde: 635 882 547

Os fregueses de Adai relanzan unha romaría en honra á Virxe da Saúde

O día 22 na parroquia Santa María Magdalena de Adai recupérase unha romaría que se pretende  sexa tamén con peregrinación. Ese día haberá misas cada hora desde as 10 da mañá.

A historia remóntase 65 anos atrás, cando unha familia doou a imaxe da Nosa Señora da Saúde, que agora está nun dos laterais da igrexa e que leva a inscrición: «Regalo de Elías Simón y esposa». Moitos lucenses ían en peregrinación facendo os escasos 5 quilómetros que hai até a parroquia. Hoxe en día tamén son numerosas as persoas que chegan até a zona e ás que se ofrece un motivo máis para aproximarse ao lugar. Sobre todo, o penúltimo fin de semana de setembro.

A %d blogueros les gusta esto: