Alfonso X o Sabio relata un milagre sucedido na Catedral de Lugo

Neste ano 2021 no que se celebran os 800 anos do nacemento de Alfonso X o Sabio, e ante a festividade da Virxe dos Ollos Grandes, lémbrase aquí unha das Cantigas de Santa María, a adicada precisamente a un milagre realizado pola patrona de Lugo.

 

Esta é como Santa María sãou na sa igreja en Lugo ũa mollér contreita dos pées e das mãos.

Da que Deus mamou o leite do seu peito,

non é maravilla de sãar contreito.

Desto fez Santa Maria miragre fremoso

ena sa ygrej’ en Lugo, grand’ e piadoso,

por ha moller que avia tolleito

o mais de seu corp’ e de mal encolleito.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Que amba-las suas mãos assi s’ encolleran,

que ben per cabo dos onbros todas se meteran,

e os calcannares ben en seu dereito

se meteron todos no corpo maltreito.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Pois viu que lle non prestava nulla meezinna,

tornou-ss’ a Santa Maria, a nobre Reynna,

rogando-lle que non catasse despeyto

se ll’ ela fezera, mais a seu proveito

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Parasse mentes en guisa que a guareçesse,

se non, que fezess’ assi per que çedo morresse;

e logo se fezo levar en un leito

ant’ a sa ygreja, pequen’ e estreito.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

E ela ali jazendo fez mui bõa vida

trões que ll’ ouve merçee a Sennor conprida

eno mes d’ agosto, no dia ‘scolleito,

na sa festa grande, como vos retreito

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Será agora per min. Ca en aquele dia

se fez meter na ygreja de Santa Maria;

mais a Santa Virgen non alongou preyto,

mas tornou-ll’ o corpo todo escorreyto.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Pero avo-ll’ atal que ali u sãava,

cada un nembro per si mui de rig’ estalava,

ben come madeira mui seca de teito,

quando ss’ estendia o nervio odeito.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

O bispo e toda a gente deant’ estando,

veend’ aquest’ e oynd’ e de rijo chorando,

viron que miragre foi e non trasgeito;

porende loaron a Virgen afeito.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

«Da que Deus mamou o leite do seu peito»

Antonte celebrouse, con solemnidade en Lugo, a festa da Asunción baixo a advocación de A Nosa Señora dos Ollos Grandes, Patroa de Lugo. Fermosísima e agarimosa advocación do pobo de Lugo que en moi breves expresións, recolle unha descrición feliz da actitude que adopta a imaxe da nosa Patroa. Imaxe que, segundo o prestixioso sacerdote e historiador Dr. Francisco Vázquez Saco (cf. Nuestra Señora de los ojos Grandes, Patrona de Lugo, notas históricas, Lugo 1973, 2,1ª edic. ) ocuparía o primeiro lugar en España con tan singular tema iconográfico, xa que unha das máis antigas, unha curiosa miniatura que decora a carta de fundación da Confraría da Virxe María e Santo Domingo, erixida na Igrexa de Tárrega (Lleida), data do ano 1.269.

Así mesmo, no poema de Alfonso X o Sabio temos a testemuña más antiga da celebración da Virxe de Lugo no día da gloriosa Asunción de María aos ceos:

«E ela alí iazendo, fez mui boa uida,

troes que ll’ouue mercée a Sennor conprida

en o mes d’Agosto no día escolleito

na sa festa grande, como uos retreito».

Nas pregarias elevadas polas autoridades lucenses para solicitar a coroación canónica da imaxe da Virxe dos Ollos Grandes ao Vaticano, cítanse dous documentos do arquivo catedralicio nos que se fai alusión aos prodixios que con frecuencia se obraban no templo da Santa María de Lugo. O diploma da concesión ó ponderar os méritos de A Nosa Señora fala dela como «celeberrimam non minus vetustate quam prodigiorum multitudine: celebérrima, no menos pola súa antigüidade que pola multitude dos seus prodixios».

Nestes diplomas antigos do arquivo capitular non soamente se fala do extraordinario número de milagres e sucesos prodixiosos acaecidos por mor da Nosa Señora, senón e sobre todo, da multitude de doazóns, que os devotos, agradecidos aos favores da Señora, facían ante o seu altar. Alfonso VI dá testemuño dos moitos milagres que aquí se obraban e Dona Urraca afirma que eran innumerables e frecuentes os prodixios que facía o Señor por intercesión da súa Nai nesta Igrexa. O rei sabio refírese na cantiga LXXVII a un milagre atribuído á Virxe de Lugo, que titula deste xeito: «Cómo Santa María saou na sa ygreia de Santa María de Lugo hua moller colleita dos pées e das maos». Este relato, segundo o autor, é un resultado de fontes verosímiles, algunhas escritas, orais e outras das que afirma ser testemuña presencial: «que vi, que eu por meus ollos vi». O retrouso resoante que se repite no poema é ao que fai referencia o titular deste artigo:

«Da que Deus mamou o leite do seu peito»

Despois de tantos anos de historia, a cidade e a Diocese de Lugo seguen a rezar e a honrar á Nosa Señora. Durante os días 10, 11 e 12 tivo lugar o Festival Musical da Asunción na nosa cidade. Feliz iniciativa do Cabido e da Diocese de Lugo, coa colaboración do Concello e do Seminario Diocesano baixo a dirección artística de Giulio Mercati e a dirección técnica do coengo Luis Varela Castiñeira. Unha boa ocasión para que a Nosa Señora siga a facer milagres nestes tempos da pandemia e para que os lucenses, ademais de recuperar os bos costumes, como membros da Igrexa, sigamos a contemplar a María seguindo as pegadas dos nosos antergos, como purísima imaxe do que ela mesma é, prenda das mellores esperanzas e desexos de futuro.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Novena na honra da Nosa Señora dos Ollos Grandes

Do 7 ao 15 de agosto, a Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo acolle a Novena na honra da Nosa Señora dos Ollos Grandes, que estará predicada polos cóengos do Cabido da basílica lucense. O día 14 celébranse Vésperas solemnes.

Día 7, venres: Mons. Indalecio Gómez Varela, Santa María Nai de Deus.

Día 8, sábado: Gonzalo Fraga Vázquez, Santa María, raíña e nai de misericordia.

Día 9, domingo: J. Mario Vázquez Carballo, Santa María templo do Espírito Santo.

Día 10, luns: Luciano Armas Vázquez, Santa María escrava do señor.

Día 11, martes: José Lebón Sánchez, Santa María, Imaxe e Nai da Igrexa.

Día 12, mércores: Manuel Castro Gay, A Virxe María, nai e medianeira da graza.

Día 13, xoves: César M. Carnero Rodríguez, Santa María, Fonte da salvación.

Día 14, venres: Luis Varela Castiñeira, A Virxe María, causa da nosa alegría.

Día 15, sábado: David Varela Vázquez, Asunción da Benaventurada Virxe María, Nai do noso Deus e Señor Xesucristo.

Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa de Lugo

O vindeiro mércores, 15 de agosto, a Diocese e o pobo de Lugo, con motivo da solemnidade da Asunción da Virxe María, renderá homenaxe á súa patroa baixo a fermosa advocación da “Nosa Señora dos Ollos Grandes”. En verbas do historiador Narciso Peinado, os lucenses temos o privilexio dunha “fermosa, orixinal e feliz advocación”.

Ás doce do mediodía, o Bispo da Diocese presidirá a Eucaristía que concluirá cunha entrañable ofrenda floral na capeliña barroca dedicada a Nosa Señora. Nese momento, acompañado do Cabido da S. I. Catedral, da Alcaldesa, dunha representación do Concello e das autoridades locais e cunha nutrida representación de fieis que se congregan física e espiritualmente na Capeliña da Señora, contemplan a imaxe da Patroa e venérana con filial devoción. Estamos ante unha devoción popular moi antiga. A cantiga 77 do rei Alfonso X o Sabio, recordando os milagres da Nosa Señora, é unha testemuña veraz da devoción a María expresada nunha imaxe moi anterior á actual. Parece evidente que esta imaxe actual da Virxe representa, dun xeito moi semellante, á que o Rei Sabio lle cantou no seu día. Na imaxe actual, María está representada de pé, con manto e túnica longas; a cabeza cuberta cun veo que deixa amosar unha fermosa melena ondulada; mentras suxeita o Neno coa man esquerda, ofrécelle a este, coa dereita, o peito nutricio (daí tamén a advocación da Virxe do Leite), branco e espido; o neno viste roupas amplas, leva unha bola na man esquerda, vai descalzo e coloca a manciña dereita sobre o peitiño da súa nai.

Pero que ten, pois, de orixinal esta advocación? Máis aló do argumento da fermosura do corpo e da grandeza dos ollos expresados na imaxe, agóchase un xeito popular de entender a devoción a María, unha Marioloxía dos ollos e das miradas, substractos teolóxicos con arraigadas fundamentacións bíblicas, froito dun pensamento ben elaborado e oculto, en ocasións, detrás de pregarias e expresións relativas ao corazón humano e a sentimentos fondamente relixiosos. Neste contexto pódese entender a tradición que asegura que, inspirado nesta imaxe, compuxo San Pedro de Mezonzo a “Salve Regina”. Os ollos son o correlato do corazón, e dado que o corazón se substrae a todas as miradas porque está escondido no peito, búscaselle unha correspondencia exterior que é precisamente a dos ollos.

Nun estudo sobre María e Galicia do ano 1947, o entón coéngo mestrescola e Reitor do Seminario de Santiago, referíndose ao desterro do Bispo Odoario, a reedificación do templo de Santa María e a recuperación da imaxe da Virxe no templo, afirma: “aquella imagen cuyos ojos grandes no se apartaron un momento de su pueblo escogido, durante los días del cautiverio”. Certamente os ollos da Virxe de Lugo parécense, coa súa mirada atraínte, a un imán. Así o testemuñan centos de fieis que cada día a contemplan. Nunca está soa. É notorio para os lucenses que Ela estende a súa doce mirada sobre todos os fieis e nunca os abandona nas peticións de auxilio e socorro.

Queira Deus que aprendamos a mirar limpa e misericordiosamente a todos como Ela nos mira.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

A Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo

A pesar do fenómeno irreversible da secularización e da laicidade da cultura contemporánea, onde os grandes relatos e acontecementos relixiosos parecen perder interese, a importante festa litúrxica da Asunción de María (o próximo día 15 de agosto) segue movendo corazóns, convocando masas e sendo causa de numerosas festas cristiás por toda a xeografía española e europea.

A nosa cidade de Lugo celebra tamén con gran solemnidade á súa Patroa, Santa María de Lugo, a Nosa Señora dos Ollos Grandes. A ela está dedicada a nosa Catedral e a súa fermosa capela coa graza arquitectónica do barroco de Casas e Novoa e coa singularísima imaxe da Virxe de alabastro policromado, anterior ao século XII.

A capela, co seu dourado e frondoso altar, onde centos de fieis participan cada día na Eucaristía e onde rezan con fonda devoción á Señora, é un espazo privilexiado de silencio e de contemplación ante a mirada misericordiosa de María. Alí, segundo unha antiga tradición compúxose a oración da Salve; a Santa María de Lugo dedica Alfonso X o sabio a cantiga 77 e o bispo Benito Murua, o 15 de agosto de 1904, fixo a coroación canónica da imaxe por concesión pontificia. Estamos pois, ante un conxunto arquitectónico e escultórico, que, o ensaísta de Friol, Celestino Fernández de la Vega, describía como “o máis notable do templo actual e algo extraordinario” (Celestino F. de la Vega, “As sete cidades do Antigo Reino de Galicia. Breviario histórico e emocional de Lugo”, en: Faro de Vigo, número especial conmemorativo do centenario (1853-1953), páx. 40). Certamente, a nosa Catedral, centro incuestionable dun culto excepcional e milenario á Eucaristía, irradiou dun modo simultaneo unha poderosa forza de devoción mariana que pode documentarse desde os primeiros tempos da Reconquista.

A festa da Asunción é sen dúbida una das máis importantes do ano litúrxico e o prototipo das primeiras festas marianas, como xa demostrei nun traballo de investigación dedicado á Virxe dos Ollos Grandes. Esta festa, chamada nas súas orixes “o día da Nai de Deus María”, no Leccionario Armenio de Xerusalén (s. V), a finais do século V céntrase sobre o Tránsito de María, que sinalando a idea dunha morte singular da nai do Señor, represéntase ao redor da Asunción. Estamos así, ante unha festa de gran rango litúrxico, moi antiga e coherente coa importancia obxectiva que a solemnidade ten, que no caso de Lugo confirma a importancia histórica do culto a Santa María.

O acontecemento da Asunción de María non significa, para os cristiáns, unha lonxanía dos seus fillos, senón unha poderosa proximidade que proxecta luz sobre a nosa existencia e sobre a historia da humanidade enteira. Por iso, pedimos e sentimos a súa axuda e consolo para afrontar as probas de cada día coa confianza de que ela, desde o ceo, míranos, coida e protexe.

 

Mario Vázquez Carballo

Deán da Catedral de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: