Celebración da Virxe da Saleta en Xaxán (Lalín)

O culto da Virxe da Saleta chegou primeiro ao santuario de Siador, en Silleda, e despois a Trabancas (Agolada) e a Xaxán. Nesta última parroquia lalinense celébrase o sábado 16 de novembro a festa da Virxe da Saleta despois de trinta anos de ausencia. Ás 13 horas preside a Eucaristía o sacerdote José Katanga, e concelebra José Ramón Pena. Ao finalizar haberá unha procesión. Tamén haberá, ás 15 horas unha comida de confraternización.

A parroquia de Xaxán mantén a súa identidade malia estar na área de expansión da vila de Lalín.

Imaxe: Bernabé / Javier – Lalín

Exposición en Silleda con referencias aos 150 anos de devoción á Virxe da Saleta

O sábado día 6 ábrese ao público a exposición Silleda no século XIX, un percorrido pola historia do municipio a través da arte, documentos e outros obxectos.

A mostra estará aberta ao público na Casa da Cultura de Silleda até o 13 de xullo, con entrada libre e horario diario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas. Un dos motivos que impulsaron organizar esta exposición é o 150º aniversario da devoción á Virxe da Saleta en Siador. Precisamente unha das partes da exposición adícase á Saleta e nela figuran dous relicarios con fragmentos da pedra onde se apareceu a Virxe na Salette (Francia).

No acto de inauguración, a partir das 20h intervirán, entre outros César Carnero, delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da Diocese de Lugo, que fará un repaso da arte sacra de Trasdeza desde o románico ata o século XIX; e o sacerdote saletino Heliodoro Santiago falará dos 150 anos de devoción mariana en Siador.

Na exposición hai quince imaxes de diferentes parroquias, desde o século XV, e tamén fotos, chaves, misais…

A %d blogueros les gusta esto: