Mozos, amor e violencia

51 mulleres adolescentes e mozas foron asasinadas polas súas parellas entre 1999 e 2017, sendo moitos dos seus asasinos menores de 20 anos. Mortes violentas no contexto de relacións “amorosas”. Si, os mozos aman, e os mozos cometen actos violentos. E poida que tamén lles ocorra, como aos adultos, que chamen amor a cousas que non o son. A chamada violencia de xénero non é un fenómeno transitorio e puntual, senón que en xeral vaise tecendo nunha relación violenta que dura no tempo, vai encerrando á vítima nunha  tearaña que busca dominar, impoñer, posuír. Debemos traballar en previr, combatendo todas aquelas crenzas, condutas e actitudes que están na raíz desta violencia.

O contrario de amar é POSUÍR. Quen ama respecta ao outro, quéreo libre, ao máximo das súas posibilidades, e iso supón que o outro chega onde eu non chego, ama, vive, sente e crece máis aló de min, eu non abrango todo o seu mundo. Posuír ao outro convérteo en obxecto. É querer ao outro como o que quere unha peza de roupa, unha cervexa, unha cousa. Nas relacións dos mozos (igual que nas parellas adultas) hai violencia sempre que o outro é utilizado. Para o meu pracer, para pasar un intre, para entreterme mentres non atopo parella ou mentres a miña parella está lonxe, para dar celos á miña  exparella… Unha forma máis de posuír: 6 de cada 10 adolescentes vítimas de violencia de xénero sofren acoso a través do teléfono móbil e as redes sociais. Un 50 % non é consciente de que está a sufrir violencia.

A superficialidade tamén dana. A violencia en ocasións orixínase ao actuar sen poñer todas as nosas capacidades en xogo. Sen pensar, sen sentir, sen escoitar… Sempre que non pensamos no ben e a felicidade do outro, sempre que non poñemos as cartas sobre a mesa do que buscamos e desexamos para o futuro, sempre que nos deixamos levar polo “apetéceme”, existe un enorme risco de usar ao outro. E por tanto de danalo, danar a relación e danarnos a nós mesmos, porque as persoas somos suxeito, nunca obxecto.

O “apetéceme” non é máis que unha parte da nosa experiencia vital. Ás veces é contrario ao noso verdadeiro desexo e róubanos a liberdade. Por exemplo, podo desexar unha relación de parella con respecto, xenerosidade e alegría, pero o “apetéceme” lánzame a protestar por cada contrariedade, a poñer por diante os meus gustos… para cargarme en definitiva o “nós”.

Ningunha agresión que suframos ou fagamos impídenos decidir un camiño diferente de amar en liberdade, de forma xenerosa e non violenta. O sufrimento e o erro poden ser fontes de aprendizaxe, que ademais nos ensinan a ser máis humildes, a coñecernos mellor a nós mesmos e ser máis comprensivos con outros.

Para isto necesitamos pararnos e ver se os nosos actos conteñen ou consenten a violencia. A violencia non rima co amor.

Cristina  Bandín, Psicóloga. Centro Diocesano de Orientación Familiar.

Deus como antídoto

Sospeito que xa nos estamos acostumando a ver todos os días casos de violencia de todo tipo: de xénero, escolar, abusos sexuais, acoso nas redes sociais, insultos, apoloxía de agresións, etc. E igualmente, tamén nos estamos afacendo ás mostras de repulsa, que case facemos de oficio: unha declaración, un manifesto, un lazo, unha cor, unha pancarta, unha concentración de apoio…

Ata parece que esperamos este tipo de noticias do mesmo xeito que as indicacións do informativo meteorolóxico: “a ver onde chove hoxe” ou “a ver onde asasinan hoxe a outra muller”. Polo mesmo, falamos igual do tempo que dos casos de violencia ou de viños. Todos sabemos de todo e todos opinamos de todo, buscando as causas, pois as consecuencias están á vista.

Con todo, creo que estamos fallando ao apuntar as causas desta espiral de violencia, que segue aumento e que para nada son xa casos illados. Probouse coa „Educación para a cidadanía“, pero non estamos vendo resultados. As campañas de concienciación en favor da paz, a non violencia e o respecto dos dereitos humanos son moi abundantes e, de feito, a sociedade está moi sensibilizada con este tema, pero con demasiada frecuencia temos que presenciar sucesos terribles, nos que o denominador común é a violencia, que terminan coa vida de moitos ao longo do ano.

A miña perspectiva histórica é reducida, só duns 40 anos. Se miramos atrás vemos como a violencia foi aumentando na mesma medida na que descendeu a presenza de Deus na sociedade. Dito doutro xeito, apartamos a Deus das nosas vidas e introduciuse, sen decatarnos, a violencia. Sen Deus impera a lei da selva, que xa sabemos en que consiste: as únicas normas son a da forza e a do propio interese.

A isto teriamos que engadir as descoñecidas consecuencias da ditadura do relativismo e do políticamente correcto.

Termino con dúas citas bíblicas que avalan o título deste artigo.

“Moisés fixo unha serpe de bronce e púxoa sobre un mastro, e se alguén fora mordido por unha serpe, miraba fixamente a serpe de bronce e vivía.“ (Nm 21, 9)

“Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere“. (Xn 3, 14-21)

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de A Fonsagrada

Imaxe: Elentir

Acto pola eliminación da violencia contra a muller na Parroquia da Milagrosa

O luns 20 de novembro na Parroquia da Milagrosa celébrase ás 19.30h unha Eucaristía polas vítimas da violencia machista. E ás 20:15 h, un acto de sensibilización sobre o grave problema da violencia contra a muller, que organizan a parroquia e Cáritas Diocesana (Área de Muller), e colaboran a Asociación contra a violencia de xénero en Lugo Si Hai Saída, a Comisaría provincial da Policia Nacional de Lugo, o Colexio Salesiano Divina Pastora, as Caritas parroquiais e a iniciativa “Acende o teu compromiso” da V edición das 24 horas de Mans Unidas.

A comunidade parroquial da Milagrosa quere honrar na Eucaristía, do mesmo xeito que se fará noutras parroquias da Diocese de Lugo, a memoria das vítimas da violencia machista. Desexa que a comunidade se una a eles pedindo a Deus polas vítimas e pola paz.

Misa polas vítimas da violencia machista e acto de sensibilización na parroquia A Milagrosa

pola-eliminacion-da-violencia-contra-a-muller

O venres 18 de novembro ás 19.30 h, na parroquia da Milagrosa hai unha Eucaristía polas vítimas da violencia machista. E sobre as 20 h, un acto de sensibilización respecto do grave problema da violencia contra a muller, no que colaboran Cáritas Diocesana (Área de Muller), a Asociación contra a violencia de xénero en Lugo Si Hai Saída, Colexio Salesiano Divina Pastora, a Unidade de prevención, asistencia e protección a mulleres vítimas de violencia de xénero da Policía Nacional, e a iniciativa “Queremos iluminar o mundo. Hai razóns. Non hai escusas” da IV edición das 24 horas de Mans Unidas.

A Organización Mundial da Saúde estima que no mundo, unha de cada tres mulleres sufriu violencia física ou sexual por parte da súa parella, ou violencia sexual por terceiros. En España, segundo os datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, no que levamos de ano, son 37 as vítimas mortais, asasinadas polas súas parellas ou ex parellas. E en 19 destes casos deixaron menores orfos. É unha obriga dos poderes públicos facer todos os esforzos posibles para terminar con esta lacra, pero tamén é un labor de todos, individual e colectivamente, colaborar na erradicación desta violencia e apoiar ás vítimas restituíndo a dignidade que lles foi arrebatada.

A comunidade parroquial da Milagrosa quere honrar na Eucaristía a memoria das vítimas, de todas as vítimas da violencia machista. Desexa que a comunidade únase a eles pedindo a Deus polas vítimas e pola paz, e mostre a súa repulsa a todas as formas de violencia. A vida de todas as persoas é sagrada.

“Nada acaba en nada”. Accidente de avión nos Alpes

Cando escoito en televisión os motivos do accidente de avión dos Alpes, simplemente quédome de pedra. Algo incrible. Un queda sen palabras. O copiloto, de xeito intencionado, decide estrelar o avión e acabar coa súa vida e a de 149 persoas máis.

Isto amplía a gravidade dos feitos. Sabemos que as máquinas poden fallar, pero nunca esperamos que as persoas fallen deste xeito tan brutal.

Agora estamos todos alarmados, pero non é a primeira vez que suceden cousas así. Na última década repítense con frecuencia este tipo de actos suicidas que se levan por diante moitas vidas inocentes.

Que está pasando no mundo? Por que tanta falta de sentido na vida dalgunhas -ou quizais moitas- persoas? Onde imos chegar? Moitas preguntas. É inconcibible que, en pleno século XXI e con tantas cousas e tantos avances, haxa tantas persoas con ideas suicidas e violentas como estamos vendo a diario.

E volvemos sempre ao mesmo. Está claro que cada vez o mundo necesita máis da presenza de Deus. É urxente que lle deixemos a Deus poñer orde na vida das persoas e do mundo.

Termino coa parte final do comunicado da cadea Cope, con motivo deste fatídico, e agora monstruoso, accidente.

«Hai sen dúbida sucesos que nos resultan incomprensibles. Pero todos temos experiencias sinxelas e radicais dunha positividade que quere impoñerse ata máis aló da morte. O mesmo feito de que existamos é consecuencia de ser queridos. Na nosa tradición hai un anuncio que se repite insistentemente desde fai 2000 anos: houbo Un que resucitou para que nada acabe na nada»

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A %d blogueros les gusta esto: