Vilar de Donas: 800 anos de historia viva

Fronte a súa apariencia sinxela, a igrexa parroquial de Vilar de Donas, en Palas de Rei, ofrece ao visitante unha rica variedade de matices. Este espazo permite observar como ningún outro como unha linguaxe cun marcado carácter internacional, a do románico, adquire un cálido acento propio nas terras lucenses. Un percorrido atento polo recinto permite descubrir unha reveladora inscrición na súa porta sur: 15 de outubro de 1224. No cumprimento do seu oitavo centenario queremos destacar aquí esta efeméride. Un tempo, ademais, que deu a luz a mentes tan preclaras coma a de san Tomé de Aquino e no que os studia composteláns estaban á vangarda no estudo das principais teorías científicas que comezan a emerxer neste momento.

En canto á fábrica de Vilar de Donas, esta ofrece un magnífico exemplo do tipo de intercambios culturais que se producen no seo do Camiño de Santiago. Trátase dun espazo cun pasado vinculado á orde santiaguista e os quefaceres propios da vida monástica, testemuña nos séculos recentes do laborioso e sosegado ritmo da súa comunidade parroquial.

Situado ao pé do Camiño Francés, este lugar terminou por converterse nun desvio recorrente para numerosos peregrinos e visitantes. Entre os seus elementos artísticos cabe destacar a singular efixie dun dos seus “artífices prácticos”, testemuña privilexiada deste tráfico de viaxeiros, o cal nos recibe acompañado das súas ferramentas de traballo e disposto a mostrar con orgullo a súa obra. Sen embargo, este pretende reivindicar unha particular adhesión cunha cadea de artistas vinculados ao Pórtico do Paraíso e que ten como referente último a xenial figura do Mestre Mateo. Deste xeito, por medio dunha sinxela asociación visual, o noso autor toma prestados algúns modelos de clara inspiración mateana, se ben un tanto esquemático. Só así pode explicarse a presenza do anxo que porta o cuarto lunar ou a dobre disposición de escenas presentes nos capiteis historiados.

O retrato do descoñecido artista constitúe un elemento de gran singularidade dentro do románico galego, ao tempo que forma parte dun dos numerosos atractivos que ofrece este espazo de Vilar de Donas. Entre os máis salientables cómpre destacar elementos de tanto valor artístico e patrimonial como as orixinais ferraxes da porta principal, as espléndidas pinturas góticas da cabeceira, o baldaquino e o frontal pétreo ou o magnífico retablo barroco dedicado ao Salvador, así como outras pezas de carácter funerario custodiadas no interior. En definitiva, unha xoia do noso patrimonio diocesano lucense que sempre é bo volver a visitar. Unha igrexa na honra de Cristo Salvador que pon de manifesto que a fe cristiá xerou e segue a xerar obras de gran beleza nas nosas parroquias.

Brais Cela Álvarez

Historiador da Arte

Con motivo da efeméride, o 15 de outubro de 2024, o Departamento de Patrimonio Cultural da Diocese organiza unha serie de actos no marco das Xornadas Europeas de Patrimonio

A %d blogueros les gusta esto: