Actividades de verán do Servizo de Atención á Infancia e Xuventude de Cáritas

adolescentes

Campamento Adolescentes: Do 1 ao 5 de xullo en Laxe (A Coruña) Dirixido a mozos e mozas de 14 a 17 anos. Centro de Interese: “Escola de Verán 2016”

Campamento Urbano XXII – Do 11 ao 22 de xullo en Lugo no Colexio María Auxiliadora Dirixido a nenos de 8 a 13 anos. Centro de Interese: “A volta ao mundo en 12 días”

Estas actividades teñen un carácter innovador, educativo e de relación estreita coas familias. Varios monitores implícanse desinteresadamente na elaboración da programación, trasladando material, encargándose da montaxe de escenarios e vídeos, realizando actividades… Cáritas tamén agradece á Directora e Comunidade do Colexio María Auxiliadora que cedan as instalacións para a realización do Campamento.

O final do verán

Son da xeración de Verán Azul, que por certo volveron repoñer este ano. Como todo o mundo daquela época chorei coa morte de Chanquete. Pero moito máis triste pareceume o último capítulo, cando se van todos e Pancho queda no pobo e empeza a buscar novas amizades, mentres soa a canción do Dúo Dinámico “O final do verán”.

Terminan os meses máis esperados por todos. Un tempo cheo de oportunidades para experimentar vivencias coa familia, amigos e veciños. E empeza un tempo longo para facer do ordinario un lugar de encontro con Deus no traballo, na liturxia dominical, na catequese, nos grupos de oración e nas distintas actividades pastorais que se organizan nas parroquias e na Diocese.

Permítesenos un pouco de morriña polo final do verán, pero só un pouco… Porque por diante temos un mundo de oportunidades, un Deus que quere contar con nós para que sexamos os seus amigos e un tempo, tamén, moi propicio para a reflexión e a oración.

Comezamos aos poucos. Quedan as festas do 8 e o San Froilán. Nos santuarios do Cebreiro e O Faro aínda quedan días de festas grandes para celebrar a Natividade da Virxe María e o Santo Milagre (O Cebreiro). De San Froilán falaremos cando se achegue o seu día.

Aos que tivestes vacacións, e aos que non, encoméndovos ao Señor para que todos podamos seguir facendo xuntos o camiño da fe.

Miguel Ángel Álvarez, párroco de San Froilán

Ver o final do último capítulo de Verán Azul

O verán tempo para Deus, tempo para o silencio e tempo para o encontro

  O verán é ese espazo do ano onde desconectamos de todo o que nos angustia. O verán é tempo de Deus e para Deus. Tempo para buscalo, para deixarnos buscar e deixarnos tocar pola súa Presenza. Tempo de atardeceres preciosos na beira do mar, tempo para subir á montaña e deixarse empapar da natureza e contemplar a historia persoal e comunitaria desde a Historia da salvación do Creador. Un solpor ou un amencer desde o corazón sereno, sen présas, sen agobios, só El e ti.

Espazo e tempo de Deus e para Deus; contemplar, loar, orar a vida desde o descanso é unha bendición de Deus que moi poucos saben gozar e aproveitar; empaparse e penetrar no propio mar existencial ou na montaña frondosa da nosa existencia.

O verán é tempo para o silencio: pero, que é o silencio?, que tipos de silencio hai?. Silencio externo e interno, ese tempo que se nos regala para calar, ese tempo para oír, ese tempo para escoitar, ese tempo que nos leva máis aló da simple aparencia e fainos entrar en sintonía con nós mesmos, que nos axuda a sincronizar a nosa existencia con Aquel ao que lle confiamos o noso corazón: Xesús de Nazaret.

No verán temos que descubrir que Deus está no silencio, no silencio dun sorriso, no silencio das ondas do mar, no silencio das árbores, arbustos, flores, follas.., no silencio sufrinte de tantos anciáns/as sós nos pobos da montaña ou no silencio dunha residencia, no silencio está o Pai bo, no silencio dos nenos/as que sofren a guerra, no silencio das nais, no silencio Deus escoita e fala.

O verán é tempo para o encontro, encontro familiar, encontro de amigos/as, de veciños/as; en definitiva, encontro cun mesmo, con Deus, encontro.

O verán é o que o resto do ano non pode ser, oxalá aproveitemos este agasallo e gocémolo e non sexamos tan egoístas e fagámosllo gozar aos demais.

O verán é tempo de encontro con Deus por medio da lectura da Biblia, tempo para penetrar nese libro que tan esquecido adoitamos ter e o cal axuda moito na vida persoal e comunitaria. Na Biblia podemos descubrir o encontro de Deus co seu pobo, con Abraham, con Moisés, cos profetas, e toda unha serie de encontros no Antigo Testamento. Se penetramos no Novo Testamento descubriremos o encontro de Deus con María por medio de Gabriel, o encontro de Isabel e María, o encontro de Xesús con Pedro, con Andrés, cos enfermos e un longo etc.

O verán é tempo de encontro de cada de nós co noso Deus que é Pai e revélase no seu fillo e cólmanos co seu Espírito Santo para que sexamos capaces de saír ao seu Encontro.

Feliz tempo de Deus, de silencio e de encontro. Feliz verán.

Manuel Areán Fernández

Miguel Ángel Álvarez: O verán, tempo para Deus

viñeta Deus vacacións

Estamos en disposición de gozar duns días de vacacións, ou, polo menos, de cambiar un pouco de estilo de vida, con menos présas e máis tranquilidade, mesmo, con máis optimismo.

E como sempre, independentemente do sol, da temperatura, do mes do ano en que vivamos, de se temos ou non vacacións… Deus sempre será o mesmo e sempre estará nos mesmos lugares onde o atopamos habitualmente. Xa o sabemos, Deus non pasa nunca.

Na tranquilidade duns días distintos, como son os do verán, temos unha boa ocasión para atoparnos con Deus, para falarlle, para escoitalo, para estar con El sen présas, gozando do momento e da súa compañía infinita.

Por suposto que non se entende que no verán poñamos de vacacións a nosa fe e a asistencia á misa dominical. Se durante estes meses non alimentamos a nosa vida espiritual, cando volvamos en setembro, atoparémola morta de fame. E, no canto de empezar un novo curso con alegría, farémolo coa tristeza que provoca que algo moi noso morrese.

Todo o bo vén de Deus, tamén o verán e as vacacións. Non o abandonemos durante este tempo.

Editorial El Espejo de la Iglesia – Cope Lugo

A %d blogueros les gusta esto: