Esta pregunta poida que estea ou non na nosa cabeza, ou que nos preocupe o valor que nos outorgan os demais, non sei, pero hoxe axudoume un texto dun libro chamado Biblia, polo final, xunto aos Evanxeos, un deles, Mateo 21, 33-43.45-46, narraba unha parábola que Xesús conta sobre uns labradores e un señor dunha casa que lles deixa a estes labradores a leira, a casa, todo para que traballen e para que lle dean un tanto cando obteñan froito. Resulta que o señor da leira, o dono de todo, enviou a uns empregados a cobrar a parte que lle corresponde, como o aluguer, e resulta que os labradores deciden matalos para non pagar. O señor envía máis empregados e fanlles o mesmo, mátanos e o señor este decide enviar ao seu fillo para que cobre o aluguer. O señor pensa que respectarán ao fillo.
Chegada esta parte eu pensaba: Se matan aos primeiros xa non hai que andar con tonterías, que sexan detidos e listo. Ou no peor dos casos acábase con eles e xa está. Por que tanta insistencia por parte do señor este en enviar empregados que morren e agora ao seu fillo? A resposta non está en fixarnos no desgraciados que son eses labradores, non está en fixarnos nas mortes. Fixémonos no valor que lles dá o señor a eses labradores que non se rende e envía ao seu fillo. Desde logo que tamén acaban coa vida do fillo. É certo que os labradores teñen un valor equivalente á vida dos empregados e fillo a quen mataron, pero tamén poderíaselles dar un pouco da súa propia medicina?
Que distinto o noso criterio do de Deus. Decatémonos de que o señor ese da historia é o Pai e o fillo é O FILLO. Ese é o teu valor, a súa vida, o seu sangue, El é o teu valor, iso vales. Digas o que digas, fagas o que fagas, terás que dar conta ante a sociedade e as súas leis, pero o teu valor… é o que é.
José Antonio Adrio Carballude
Delegado de Mocidade e Pastoral Universitaria