Celebracións ecuménicas

Por oitavo ano consecutivo as Igrexas Ortodoxa, Evanxélica e Católica da cidade de Lugo compartirán unha CELEBRACIÓN ECUMÉNICA. Será o domingo, día 26, ás 17.30 h na igrexa de San Francisco Xavier de Lugo. A continuación, convídasea os participantes a compartir un ágape no Salón Parroquial.

O sábado, 25, a parroquia da Estación de Monforte celebra tamén un acto ecuménico ás 19 h.

Estes encontros organízanse con motivo da Semana de Oración  pola Unidade dos Cristiáns, cuxo lema fai referencia a un episodio da vida de san Paulo cando vai de Palestina a Roma porque apelara ao tribunal do César. Ía con algúns prisioneiros máis, custodiado por soldados. A nave naufraga e son socorridos en Malta con verdadeira humanidade polos nativos da illa. No libro dos Feitos (28, 2) coméntase: «Os insulares mostráronnos unha humanidade pouco común». Un relato de gran actualidade polas travesías dos emigrantes e refuxiados en busca de porto seguro no Mediterráneo.

Actos ecuménicos en Monforte e Lugo

 

Acto celebrado en Lugo o 28 de xaneiro

O sábado 27 de xaneiro, ás 19:00 h, celebración ecuménica na igrexa parroquial da Régoa, de Monforte de Lemos, das comunidades evanxélica, ortodoxa e católica.

Domingo 28 de xaneiro, ás 17:30 h, celebración ecuménica na igrexa evanxélica Boas Noticias, na r/ Emilia Pardo Bazán 4-6 (a carón da capela de San Roque), con intervención de evanxélicos, ortodoxos e católicos. Ao final, fíxose público o seguinte Manifesto dos cristiáns de Lugo:

Dános un corazón

Os cristiáns de Lugo queremos expresamente manifestar, unidos en Xesucristo, que estamos en comuñón con tantas institucións e persoas que denuncian o tráfico ilegal de persoas e a existencia de persoas escravas.

Queremos responder, de forma decidida e consciente, ante as situacións en que se vulneran dereitos humanos de miles de persoas, como o comportamento de Xesús coas persoas que lle saían ao encontro.

Ante tantas persoas explotadas sexual e laboralmente, que viven moi preto de nós; ante persoas que están dentro do círculo da drogadicción ou do xogo, queremos situarnos en defensa dos máis débiles, acollelos e axudalos para que teñan unha vida digna.

A quen se lucran e benefician destas condutas inhumanas, chamámolos á conversión dos seus corazóns.

Para rematar, tamén queremos comprometernos a liberarnos das nosas pequenas e grandes miserias, do noso egoísmo e materialismo. Sentímonos en sintonía co pobo de Israel; co consolo do Señor, coa axuda dos outros, o Señor vén liberarnos.

Acto conxunto de ortodoxos, evanxélicos e católicos

Por 4º ano consecutivo, ortodoxos, evanxélicos e católicos da cidade de Lugo fan unha celebración ecuménica. Algo inédito na cidade ata fai poucos anos e que ten unha moi boa acollida entre as comunidades cristiás. Esta celebración prodúcese con motivo da Semana Internacional de Oración pola Unidade dos Cristiáns e baixo o lema: RECONCILIACIÓN. O amor de Cristo aprémanos (2 Cor. 5, 14-20)
Este ano celébrase o 500 aniversario da Reforma Luterana, que marcou a historia da Igrexa occidental. Agora queren superarse as divisións e poñer a énfase en Xesucristo e na súa obra reconciliadora como centro da fe cristiá, e así, tras séculos de mutuas condenas e vilipendios, católicos e luteranos en 2017 lembran por primeira vez de maneira conxunta o comezo da Reforma.
A celebración virará en torno á reconciliación tanto das comunidades cristiás como dos ambientes cotiáns. Recordarase a importancia de ser axentes de reconciliación onde se vaia, misión impulsada por Xesús de Nazaret e que é necesario no noso mundo actual, que necesita ser sanado nalgunhas facetas. Isto ademais non é algo que se traballe nin difunda en case ningún sitio, pero que é fundamental para o desenvolvemento harmónico da nosa sociedade e o noso crecemento como seres humanos.
A celebración, á que se invita a todos cantos esta noticia lles mova un pouco o corazón, ou aos que simplemente sintan curiosidade, será na Parroquia de Santiago a Nova o domingo 29 ás 17:30 hs. Seguidamente, a comunidade evanxélica invita a un chocolate nas súas instalacións da R/ Emilia Pardo Bazán, en San Roque.

[Máis información]

Oración pola unidade dos cristiáns

Acto ecumenico en Lugo 2

O sábado 23 de xaneiro, ás 19 h, houbo unha celebración ecuménica na igrexa da Régoa, de Monforte de Lemos, na que participaron as comunidades evanxélica, ortodoxa e católica.

O domingo 24 de xaneiro, ás 17:30, a celebración ecuménica foi na parroquia de Santiago A Nova, de Lugo. O acto foi presentado polo párroco de Santiago A Nova, Luciano Armas, e polo Delegado de Apostolado Segrar, Alfredo Losada. Os comentarios das lecturas correron a cargo do sacerdote ortodoxo Radu Iacob, que falou de San Pedro, o pastor Marcos Zapata, para quen é necesaria a radicalidade (ir á raíz) e o sacerdote católico Mario Vázquez, que repasou as obras de misericordia. Despois, compartiuse unha chocolatada no local da igrexa evanxélica Boas Noticias.

Actos na Diocese a prol da unidade dos cristiáns

 Unidade cristiáns mesa redonda 008

Martes 20 de xaneiro, ás 20:00, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, mesa redonda Os cristiáns ante a corrupción, integrada polo médico, teólogo e membro da Alianza Evanxélica Española, Manuel Suárez (segundo pola esquerda), e polo doutor en teoloxía, licenciado en historia e profesor de secundaria, Íñigo Arranz (segundo pola dereita). Foron presentados polo pastor evanxélico Marcos Zapata (esquerda) e polo Delegado de Apostolado Segrar Alfredo Losada (dereita). Manuel Suárez reclamou máis protagonismo para a sociedade civil e Íñigo Arranz baseou a súa intervención en 5 conceptos: paixón, compaixón, razón, liberdade e acción.

Sábado 24 de xaneiro, ás 19:00, celebración ecuménica na igrexa parroquial da Régoa, de Monforte de Lemos.

Domingo 25 de xaneiro, ás 17:30, celebración ecuménica na parroquia de Santiago A Nova, de Lugo. Despois, compartirase unha merenda na igrexa evanxélica Boas Noticias, na rúa Emilia Pardo Bazán, 4-6 (a carón da capela de San Roque).

A %d blogueros les gusta esto: