Poden recibir este sacramento os que estean a sufrir unha enfermidade seria, tamén os que vaian pasar polo quirófano nos próximos días, os enfermos crónicos e as persoas maiores.
Aínda que esta celebración é de tipo comunitario na igrexa parroquial, o sacerdote sempre está disposto para administrar este sacramento ás persoas que o necesiten nas súas casas ou no hospital.
O mesmo vale para cando unha persoa queira recibir a Comuñón e non poida saír de casa por enfermidade ou por outros motivos. Fágano saber con toda confianza ao cura, que tamén esta é a súa misión.
Coa enfermidade e os anos experimentamos máis claramente que non somos donos da nosa vida. Estas limitacións, pola contra, achégannos máis a Deus porque necesitamos fundamentar a nosa vida no que vale de verdade e para sempre. Recibir o sacramento da Unción dos Enfermos é poñernos nas mans de Deus para pedirlle a saúde e, en todo caso, deixar que tome as rendas da nosa vida e concédanos vivir o tempo que nos quede moi preto del para pasar despois a eternidade tamén con El.
Di o canto que na tardiña da vida nos examinarán do amor. Nós hoxe podemos engadir que ao final da vida tamén se porá a proba a nosa fe no Señor. Seremos ditosos se conseguimos facer a última etapa de vida collidos da man de Xesús. Penso que non hai nada máis grande que isto.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada