O 8 de febreiro, día de Santa Xosefina Bakhita, adícase a ter presente ás vítimas do tráfico humano. E este ano organízase a 5ª edición do Día Internacional de Oración e Concienciación contra o tráfico humano. O lema nesta ocasión é: Xuntos contra a trata de persoas. A primeira edición celebrouse en 2015, por vontade do Papa Francisco, que encomendou promover este día á Unión Internacional de Superiores.
trata de persoas
Actos con motivo do Día Europeo contra a Trata de Persoas
Con motivo da celebración do Día Europeo contra a Trata de Persoas, desde Cáritas Diocesana de Lugo e dentro do seu proxecto de atención a mulleres vítimas de violencia, trata ou explotación sexual, o mércores día 17 levará a cabo unha acción de sensibilización na praza Maior de Lugo, consistente na colocación de 4 paneis informativos co obxectivo de dar visibilidade a esta realidade tan descoñecida para a maior parte da poboación.
Baixo a lema TRÁTASE DE PERSOAS, poderase coñecer en que consiste a trataa, datos estatísticos, así como testemuños directos das vítimas coas que se está traballando desde este proxecto. Os paneis estarán situados o día 17 na praza Maior e, posteriormente, irán rotando por centros educativos, centros sociais, e outros organismos que poidan estar interesados.
Tamén vai realizarase un vídeo informativo, que se difundirá a través das redes, co que se pretende explicar a situación actual da trata a través do testemuño de profesionais e xente da cidade, convidando a sumarse a esta iniciativa. No mesmo, aparecerán distintas autoridades e personalidades que se manifestan en contra da trata.
Trátase de persoas, permaneces á marxe ou súmaste?
O mércores 18 de outubro, Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, Cáritas diocesana de Lugo avoga por unha loita eficaz contra a trata de persoas e a explotación, un dos delitos máis graves contra os dereitos humanos. O traballo que esta entidade realiza a través dos seus proxectos encamíñase non só a protexer e asistir ás vítimas senón, tamén, a dar a coñecer unha realidade que permanece escura e agochada.
Cáritas diocesana considera que é fundamental reforzar e insistir na prevención e a educación da cidadanía. Só desde a raíz poderemos erradicar esta lacra que convive ao noso carón. Cómpre facer visible a que é, quizais, a forma de escravitude máis próxima á poboación pero que segue resultando invisible.
Cáritas quere recordar que SE TRATA DE PERSOAS, e a dignidade das persoas non é negociable.
O día 18 repártense por Lugo carteis de sensibilización e DÍPTICOS informativos que recollen de forma sinxela as claves para identificar e tomar conciencia desta dura realidade. E tamén do labor de Cáritas Lugo neste ámbito.
Xornada contra a trata de persoas
O 8 de febreiro, festa de santa Xosefina Bakhita -a relixiosa canosiana sudanesa que de nena viviu a dramática experiencia de ser vítima de trata e foi declarada santa en 2000-, celébrase en todo o mundo a terceira Xornada de Oración e Reflexión contra a Trata de Persoas. A primeira edición da Xornada Mundial celebrouse o 8 de febreiro de 2015, por vontade do Papa Francisco.
Esta edición de 2017 introduce un elemento novo, co fin de equilibrar a proposta de oración e de reflexión centrándose nun aspecto específico do vasto e complexo mundo da trata de persoas: a trataa de nenas, nenos e adolescentes, co lema “Son nenos!, Non escravos!”.
“Alento a cantos están comprometidos a axudar a homes, mulleres e nenos escravizados, explotados e abusados como instrumentos de traballo ou pracer, e a miúdo torturados e mutilados. Desexo que cantos teñen responsabilidades de goberno tomen decisións para remover as causas desta vergonzosa praga, praga indigna dunha sociedade civil. Que cada un de nós se comprometa a ser voceiro destes irmáns e irmás nosos, humillados na súa dignidade. Invoquemos todos xuntos á Virxe, por eles e polos seus familiares” (Papa Francisco, Angelus 8 febreiro 2015).
Campaña de Cáritas no Día contra a explotación sexual e o tráfico de persoas
O venres 23 de setembro é o Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres, nenas e nenos. Cáritas Diocesana de Lugo, xunto coas entidades Aliad Ultreia e Asociación Bonhomía, buscan sensibilizar á poboación sobre este drama humano. Para iso elaborouse un vídeo, coa colaboración da Fundación TIC e Centinelas Asociación, que será difundido a través das redes sociais. No vídeo personalízase este problema que tantas veces se considera alleo ao noso mundo, móstrase como calquera muller compañeira ou amiga próxima, ante un momento de necesidade ou vulnerabilidade pode ser vítima de trata ou explotación.
O programa de Muller de Cáritas diocesana de Lugo desenvolve un proxecto dirixido a vítimas de violencia, especialmente, vítimas de trata e explotación sexual en contextos de prostitución; e outro destinado ao traballo de prevención e coidados da saúde de mulleres. No 2015 foron 161 as mulleres contactadas en pisos ou clubs de prostitución ás que se lles impartiron micro talleres sobre información sanitaria, outros empregos... Delas, máis de 60 recibiron despois unha atención, acompañamento e apoio personalizado directamente en Cáritas.