Hai uns días falando do proxecto de convidar a mozos a formarse e realizar actividades en grupo, unha das persoas presentes comentou: “Se lles dás 400 €, tes os que queiras!”. A afirmación non é unha ocorrencia momentánea, senón que ten detrás un contexto social, cultural, económico, político e de opinión pública, o que os anglófilos chaman background. Por iso quedoume fixada na mente como unha expresión do intre no que vivimos.
A miña resposta inmediata, que podería parecer que non era pensada, foi así de clara: “Non quero mozos que se vendan tan baratos!!!”.
A frase que dá título ao artigo ten a súa orixe na medida política gobernamental de dar 400 € aos mozos que cumpren 18 anos para que os invistan en produtos culturais dun amplo espectro, incluídos videoxogos, música, concertos… algúns tamén engaden que o viño é cultura… Calquera observador das políticas gobernamentais sabe que esa medida económica é para conseguir o voto dos mozos nas seguintes eleccións e tamén o de persoas próximas a eles. Non nego que o partido de goberno poida ter razóns nese proxecto, nin que a medida sexa eficaz para conseguir o seu obxectivo, aínda que teño as miñas dúbidas.
Como cidadán chámame a atención que lles poñan aos mozos un prezo tan baixo, aproximadamente un terzo do salario mínimo mensual, e que pensen que é abondo para conseguir o seu voto. Por outra banda nalgúns casos até entendería que algúns mozos se vendesen por ese prezo, o que certamente expresaría circunstancias moi difíciles nas que se atopan ou un concepto pouco elevado de si mesmos.
Na vida real toda persoa debe ter claro que a quen se venda por 400 € non o poderá ter por amigo verdadeiro. Con quen así se venda non se pode facer o camiño da vida para afrontar conxuntamente as dificultades que vivir carrexa, nin facer un proxecto de vida matrimonial serio, pois como alguén lle suba a oferta en 50 € vaino a traizoar.
Todos escoitamos a frase de “Roma non paga a traidores”. A sentenza vén de que os romanos sabían que quen traizoaba ao seu pobo por unha cantidade de diñeiro, tamén os traizoaría a eles. Tamén se entende facilmente a aquel xefe dos cántabros que, ante a recompensa ofrecida polos romanos a quen o entregase, presentouse el a cobrala.
Venderse, mesmo venderse barato, non é unha novidade na historia, pois é coñecida a afirmación de “vender a primoxenitura por un prato de lentellas”, aínda que moitos non saiban de onde vén o dito. Así que miremos no libro da Xénese a historia de Esaú e Xacob, polo menos o capítulo 25 versículos 29 a 34.
Non todos se venden, pois a principios do século XX un capataz andaluz nas eleccións achégase aos xornaleiros que estaban na praza agardando a ser contratados. O capataz no canto de contratalos dálles a papeleta co voto aos candidatos do cacique e unhas moedas. Entón un xornaleiro tirou as moedas aos pés do capataz e díxolle: “Na miña fame mando eu!”. Este xornaleiro tiña un alto concepto da súa dignidade e liberdade.
Tamén na época de Franco produciuse un delito de corrupción en varias provincias, polo que o ministro tivo que nomear un xuíz con competencias en todo o territorio nacional. O xuíz dixo ao ministro que o pensase ben pois o investigaría até o final. O ministro afirmou que iso é o que quería. Cando avanza a investigación aparecen persoas importantes implicadas. Entón o ministro pediu ao xuíz que limitase a investigación, pero este respondeulle: “Din que todos os homes teñen un prezo, o meu está por encima da miña cabeza, xa que estou na etapa final da miña vida e só penso en render contas ante Deus e ese é o meu prezo, xa non é deste mundo”.
Nos comezos do Evanxeo (Lc. 4,1-13) atopamos como o Maligno quérelle pór prezo a Xesús mostrándolle os reinos e dicíndolle: “Dareiche todo o poder e a gloria destes reinos… Se me adoras, todo será teu”. Xesús non aceptou ese prezo para o noso ben e de toda a humanidade.
A sociedade necesita o testemuño de persoas que non se vendan, que non traizoen aos seres humanos. Cada un de nós tamén necesitamos esas persoas ao noso carón. Pero, eu estou disposto a ser esa persoa que non se vende nin traizoa?
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas