O traballo decente é máis que un simple medio de subsistencia, é un dereito fundamental de cada ser humano. Todas as persoas temos o dereito non só a procurar un emprego, senón tamén de acceder ás condicións laborais dignas e xustas que garantan a nosa saúde e benestar.
Neste senso, o obxectivo nº 8 da Axenda 2030 da ONU enfócase en promover o crecemento económico inclusivo, o emprego pleno e produtivo, e o traballo decente para todos.
Para compender plenamente á importancia do traballo decente podemos recurrir ás palabras do Papa Francisco cando afirma que non hai peor forma de pobreza material que aquela que impide a unha persoa gañarse o pan e lle priva da dignidade derivada do propio feito de traballar. Isto plantéxanos unha reflexión profunda arredor da relación entre traballo, dignidade e pobreza.
O traballo decente vai alén dun simple ingreso económico; é a oportunidade de sentírmonos valorados e realizados a través das nosas ocupacións diarias. Cando temos un traballo decente podemos satisfacer as nosas necesidades básicas, atender os gastos da nosa vida e manter as nosas familias. Pero ademais, o traballo decente bríndanos unha sensación de propósito e contribución á sociedade.
Non é abondo con ter un emprego, xa que un traballo decente tamén implica condicións laborais saudables. Estas condicións inclúen un entorno seguro, libre de riscos e a promoción da saúde física e mental das persoas traballadoras. É fundamental en todas as profesións, pero con énfase naquelas que están máis feminizadas. As profesións con maior presenza feminina adoitan estar relacionadas co coidado doutras persoas coma a enfermaría, o ensino, a atención ás persoas maiores, dependentes ou con algunha discapacidade, entre outras. É importante destacar a importancia de garantir un entorno laboral saudable e seguro independentemente do xénero da persoa.
En moitas ocasións, as mulleres enfrentamos desafíos adicionais debido a que adoitan ser elas as que principalmente asumen a carga de combinar a vida laboral coas tarefas domésticas e o coidado da familia. Isto pode xerar un maior estrés e desgaste emocional, os cales afectan negativamente á saúde física e mental.
É fundamental para promover ambientes laborais saudables que se fomente a adopción de medidas de conciliación persoal, familiar e laboral, igualdade salarial efectiva e promoción de oportunidades para todas as persoas traballadoras, independentemente do seu xénero. Ademais é importante contar con políticas de prevención e atención da violencia de xénero no entorno laboral.
O traballo saudable conleva garantir tamén condicións de traballo seguras e respectuosas, así como promover a ergonomía e a prevención de riscos laborais.
Ademais, o traballo decente implica acceso aos servizos médicos e a unha protección social adecuada, así como a garantía de salarios xustos e oportunidades de crecemento persoal e profesional.
Lamentablemente, en pleno século XXI o traballo decente está lonxe de ser unha realidade para moitas persoas, e non só nos países menos desenvolvidos. Millóns de persoas sofren a falta de emprego e traballan baixo condicións de explotación.
Acadar que todas as persoas poidan acceder a un traballo decente é un desafío global que require a colaboración e o compromiso dos gobernos, das empresas e da sociedade no seu conxunto. É necesario seguir implementando políticas e medidas que promovan a xeración de emprego, protexan os dereitos laborais, fomenten a igualdade de oportunidades e aborden de maneira efectiva as desigualdades existentes.
É a nosa responsabilidade como sociedade traballar xuntos para garantir a implementación de políticas e accións que promovan o traballo saudable.
Amparo González Méndez
Directora de Caritas Diocesana de Lugo
Gústame esto:
Gústame Cargando...