A celebración de Todos os Santos, lémbranos a unha multitude de santos e santas, xente corrente como nós que viviron de maneira sinxela pero que comunicaron paz, que foron auténticos, compasivos, solidarios, que entregaron a súa vida xenerosamente e que participan dunha vida plena. É unha festa de esperanza e de alegría xa que hai moito ben no mundo se sabemos descubrilo. Os santos demóstrannos que seguir a Xesús é posible aínda que tiveron defectos, cometeron pecados, non eran perfectos.
Tamén lembramos nesta festa a unha multitude de santos anónimos sen coroa e sen altar. Como di o Papa Francisco: “os santos da porta do lado”. É dicir, santos anónimos, que coas súas boas obras, ben intencionadas, poden transformar a súa contorna, facela máis cristiá, máis humana.
Na festa de Todos os Santos, podemos dicir de corazón:
Señor, fai crecer en nós o desexo de vivir o espírito das Benaventuranzas: a alegría, a paz, a misericordia e a felicidade de atoparnos contigo e de saír ao encontro dos outros!
Parroquia do Bo Pastor, Lugo