Santa Teresa e o Ano Xubilar Teresiano

teresa-de-jesus1

Parecía xurdida doutro planeta e doutra terra. Pero era unha muller de carne e óso que nacera en Ávila un 28 de marzo de 1515. Desde a súa infancia sentiuse atraída pola grandeza do Deus de Xesucristo, que lle chamaba á santidade e á perfección. Consciente da profunda discriminación do feminino na sociedade de entón, no canto de lamentarse, dedicouse á oración, a pensar, a construír e a cooperar. Máis aló do paternalismo social e do pensamento dominante producido por varóns, esta muller de gran altura intelectual e literaria, de temple e coraxe sen igual, con forza e determinación, sementou a nosa terra de comunidades e monasterios, escribiu obras asombrosas e fixo tantas cousas boas e santas, que un século despois, sería beatificada por Paulo V e canonizada o 12 de marzo de 1622 por Gregorio XV.

Virxe, namorada de Cristo, Teresa de Cepeda e Afumada, hoxe é máis coñecida por Santa Teresa de Xesús. Con San Juan de la Cruz sitúase no máis alto do misticismo cristián. Por iso non soamente é considera patroa dos escritores, senón e sobre todo, unha gran mestra de espiritualidade na historia da Igrexa, e tamén relixiosa e fundadora das Carmelitas Descalzas, desde fai uns anos presentes na nosa Diocese no lugar de Muxa. Por esta e outras razóns é a primeira Doutora da Igrexa, proclamada así o 27 de setembro de 1970 polo Papa Paulo VI.

É verdade que nos separan cinco séculos da historia da súa vida, outros eran os tempos e os acontecementos, pero sen dúbida hai moitas semellanzas e analoxías con bastantes das situacións que agora estamos vivindo. Se aqueles eran tempos recios, de reformas e novidades, de urxente, nova e necesaria evanxelización, tamén agora son así os nosos tempos. As dificultades, as complexidades do cambio de época, tamén necesitan de mulleres capaces de influír e transformar a inxusta e violenta sociedade na que vivimos.

A vida contemplativa e comunitaria, os mosteiros como espazo de convivencia, de acollida e de silencio, o pensamento sereno, a oración, a meditación, a capacidade de emprender, de cooperar, de chamar á santidade e á perfección, o misticismo, a literatura de “altura”, a boa educación, o coidado da terra e o amor á natureza, a loita pola xustiza, a denuncia dos malos tratos, son valores tan necesarios entón como agora. Por iso, urxe recuperar a Teresa e traer a súa figura e exemplo aos nosos días. Os santos son, todos eles, os grandes modelos que temos que recuperar. Teresa, a de Xesús, a de Ávila, o é dun modo especial. Pola súa mediación e intercesión poderemos atopar de novo o tesouro da verdade alí onde está, no Deus do Amor e no interior de nós mesmos.

Para iso, un medio que nos pode axudar é a peregrinación que organizada pola Diocese terá lugar os días 17, 18 e 19 deste mes a Salamanca, Alba de Tormes e Ávila. Un numeroso grupo de peregrinos, tralas pegadas da Santa, participaremos en diversos actos organizados con motivo do Ano Xubilar; visitaremos a fermosa exposición das Idades do Home e buscaremos a graza xubilar naquelas terras sagradas.

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Semana de espiritualidade “Santa Teresa de Xesús”

Semana teresiana en Lugo

O Seminario Diocesano acolle entre o luns 2 de marzo e o venres 6 ás 20 horas unha serie de intervencións dos carmelitas descalzos da parroquia Santa Teresa de Xesús da Coruña baixo o título Unha muller do XVI que mira ao XXI. Ditas intervencións son as seguintes:

Día 2 de marzo 

“EL AMOR DE DIOS’; LECTURA DUNHA HISTORIA, polo P. Ángel Gutiérrez, ocd.

Día 3 de marzo 

“TRATAR DE AMISTAD’; UNHA INVITACIÓN A POÑERSE EN PRESENZA DE DEUS HOXE EN DÍA, polo P. Mauricio Martín, ocd.

Día 4 de marzo 

“SER FAMILIA EN CRISTO’; UN NOVO ESTILO DE VIDA, P. Leoncio Mulero, ocd.

Día 5 de marzo 

LAS FUNDACIONES, EXPERIENCIA VIVA DE NOVA EVANXELIZACIÓN, polo P. Serviliano Ceballos, ocd.

Día 6 de marzo 

A ESPIRITUALIDADE MARIANA EN TERESA DE JESÚS, polo P. José Antonio Fuertes, ocd.

A %d blogueros les gusta esto: